Nace o Club de Produto Enogastronómico Barbanza Arousa

21 Maio 2026

A Mancomunidade Barbanza Arousa (formada por A Pobra, Rianxo, Ribeira e Boiro) botou a andar esta tempada o seu Club de Produto Enogastronómico, unha ferramenta de cooperación público-privada que nace co fin de contribuír á consolidación de Barbanza Arousa como destino enogastronómico diferenciado, competitivo, de calidade e experiencial.

Nesta semana estase desenvolvendo unha primeira quenda de sesións informativas nos catro concellos da Mancomunidade, dirixidas a empresas, profesionais e axentes turísticos locais para explicarlles a necesidade de xerar unha marca turística propia, vencellada a unha enogastronomía ligada ao mar (produto fresco e conserva) e aos caldos da terra (IXP Barbanza-Iria), e arroupada por unha oferta lúdico-cultural ligada a unha abondosa historia, ao patrimonio, industria e actividades mariñeiras e a unha paisaxe e natureza únicas.

Restaurantes, adegas, conserveiras, confrarías, lonxas, taxistas, aloxamentos, axentes turísticos locais e comercio poden adherirse ao proxecto, a través dos enderezos electrónicos: patricia.miralles@barbanzarousa.gal ou info@barbanzarousa.gal.

“Estamos moi contentos e temos moitas expectativas porque son moitas as empresas interesadas nesta proposta da Mancomunidade, coa que pretendemos posicionarnos como territorio enogastronómico de primeira orde”, explicou Fátima Cachafeiro, xerente da Mancomunidade Barbanza Arousa, a entidade que lidera o proxecto, no que participan representantes das áreas municipais de Turismo de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo.

A xerente explicou que o reto asumido é “ilusionante”. Trátase, dixo, de “definir unha oferta propia e diferenciada nunha Galicia, coñecida e recoñecida, como referente gastronómico”. E ademais, en palabras de Cachafeiro, “queremos que estas experiencias diferenciadoras e de calidade atraian visitantes durante todo o ano, que axuden á desestacionalización do turismo”.

No club de produto presidido pola Mancomunidade, definirase unha oferta única para todo o territorio, deseñaranse estratexias e accións de posicionamento e captación de visitantes e avaliaranse os resultados, previa recompilación e análise de necesidades e propostas.

A creación deste Club é unha da iniciativa incluída no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSDT) Viaxe a través da historia dos sabores – Barbanza Arousa, que promove a Mancomunidade Rías de Arousa Norte, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado por fondos Next Generation da UE.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un autobús para a praia do Vilar”. Antón Luaces

“Un autobús para a praia do Vilar”. Antón Luaces

Foi necesario o paso de 60 anos para acadar que os habitantes da capital de Ribeira carentes de medios de transporte propios poideran desprazarse ata a praia do Vilar na tempada de verán. Esta praia é un dos máis prezados tesouros da contorna ribeirense e tardaron ben...

“Valentía política” – José Manuel Pena

“Valentía política” – José Manuel Pena

Saen dos seus fogares, todas as semanas, en busca de alimentos, medicamentos, bonos para viaxes ou algunha que outra axuda económica para gastos extraordinarios. Estas familias acoden a algunha ONG ou entidade social que as axudan desde hai décadas e mesmo, a algunhas...