Lousame fai un chamamento veciñal para reclamar dende Fruíme (o 17 de maio) o Día das Letras Galegas de 2027 para Zernadas

07 Maio 2026

O Concello de Lousame fai un chamamento a todo o tecido asociativo e veciñanza a reunirse o 17 de maio en Fruíme para reclamar o Día das Letras Galegas de 2027 para o escritor local Zernadas, o cura de Fruíme.

“O domingo 17 de maio en Fruíme queremos conseguir sacar unha fotografía que sexa o resumo do apoio unánime que a veciñanza de Lousame, o seu tecido asociativo e distintas persoas do mundo cultural, político e social de toda Galicia lle ofrecen á candidatura Zernadas 27 e que lle piden á Real Academia Galega que lle dea o recoñecemento que merece ao persoeiro máis ilustre que temos en Lousame: Diego Antonio Zernadas de Castro”. Así resumía o alcalde de Lousame, Esteban Ares, o obxectivo da programación especial da Festa do Galego 2027: todos con Zernadas, presentada esa mañá no salón de plenos.

Unha presentación na que estivo acompañado por María Regenjo, secretaria da Asociación de Veciños Zernadas de Castro; Silvia Agrafojo, concelleira de Cultura; Isabel Gómez Morales, presidenta da Asociación Cultural Prudencio Romo; Francisco Avelino García e Isabel González, presidente e vicepresidenta do Club de Xubilados de Lousame; así como Teresa Baluja e Xosé Manuel Outeiral, técnicos municipais de Cultura e Voluntariado.

Esteban Ares asegurou que esta Festa do Galego “é fundamental para que lles chegue aos ollos dos académicos o movemento veciñal e o apoio unánime que hai en torno a esta candidatura que, como sempre dicimos, é de xustiza histórica. Recoñecer o labor de Zernadas non é mirar ao pasado, é recoñecer que é o precursor do galeguismo que defendía a nosa lingua no século XVIII. Zernadas pensaba en Galicia cando Galicia aínda estaba por pensar, polo que merece un recoñecemento e cremos que é o momento de que Galicia mire cara Lousame e a RAG poña os seus ollos en Fruíme para recoñecer o labor do precursor do galeguismo. E que mellor recoñecemento que dedicarlle o Día das Letras Galegas, que toda Galicia coñeza todo o seu labor e que Zernadas sexa coñecido a nivel de toda a poboación de Galicia e se estude nos centros educativos como referente”.

Un punto no que coincidiu a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, quen destacou esta celebración do domingo 17 de maio como “o colofón a todas as actividades sobre Zernadas de Castro. Queremos contar aló con todas as asociacións do concello, tanto deportivas como culturais, sociais, persoas… estaremos agradecidos de recibir a todo o mundo porque o que queremos é que se vexa o fervor que temos en Lousame por que por fin se lle dedique o Día das Letras Galegas a Zernadas de Castro”. Neste sentido agradeceu “á AAVV Zernadas de Castro de Fruíme todo o labor que levan a cabo, dende o Concello apoiámolos en todo para facer chegar a figura de Zernadas o máis lonxe posible, non só a Lousame senón pola comarca. E esperamos encher o adro da igrexa con pancartas de todas as asociacións e desfrutar do 17 de maio”.

Programación

O programa de actividades da Festa do Galego 2027: todos con Zernadas desenvolverase na contorna da igrexa de Fruíme, onde está soterrado Zernadas de Castro. Ás 10:00 horas celebrarase a segunda edición da Andaina das Letras, organizada polo Concello de Lousame e a asociación de veciños Zernadas de Castro de Fruíme. Trátase dunha iniciativa familiar, aberta a persoas de todo tipo de condición física xa que apenas son 5 km, con saída e meta no Adro da Igrexa de Fruíme. Cada 500 metros, as persoas participantes poderán ver unha lámina sobre a vida e obra de Diego Antonio Zernadas de Castro. A participación é totalmente gratuíta, se ben é necesario anotarse previamente en www.bandoticket.com. Na súa primeira edición, celebrada unha semana antes da Festa do Galego, conseguira reunir a medio cento de persoas.

Ás 11:15 horas comezará a actuación musical do grupo folclórico O Son do Pote (Tállara), que abrirá así un tempo no que participarán todas as agrupacións musicais do municipio. Así, a Banda de Música de Lousame actuará ás 12:30 horas, tras a tradicional ofrenda floral diante do busto de Zernadas de Castro (con misa na súa honra ás 12:00 horas).

Ás 13:30 horas, actuacións musicais do grupo folclórico Canlebó (Camboño), das Pandeireteiras da UNED Senior Lousame e do grupo Anduriñas de Fruíme. Estes tres grupos darán paso a unha sesión vermú amenizada polo Dúo Charada e, a partir das 15:00 horas, a un xantar popular organizado pola Asociación de Veciños Zernadas de Castro de Fruíme.

A secretaria da asociación, María Regenjo, explicou que “os prezos serán: 20 euros adultos e 12 euros nenos, con primeiro e segundo pratos, sobremesa e bebida. O ano pasado foi un éxito e este ano decidimos repetir e ampliar o número de prazas”. As inscricións poden realizarse antes do 12 de maio a través das redes sociais da asociación que, ademais, vén de sacar unha edición especial dunha camiseta conmemorativa co logotipo da campaña Zernadas 27, que se poderá adquirir en Fruíme o propio día da festa.

Outros artigos

Estabilizado o lume de Ribasieira (O Son)

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou estabilizado ás 18,15 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14,42 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais...

+

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.