Este domingo temos unha cita co deporte solidario en Rianxo coa andaina “Camiños de Ouro” da Cruz Vermella e o Concello

21 Maio 2026

Cruz Vermella e o Concello de Rianxo organizan este domingo 24 de maio a Andaina Solidaria “Camiños de Ouro. O paraíso existe”, un percorrido deportivo, lúdico e social concibido, en palabras das dúas entidades, “para gozar do entorno, respirar tranquilidade e sentir a maxia dos camiños que fan de Rianxo un lugar especial”. Na presentación fíxose saber que ao remate da andaina sortearanse varios agasallos doados polo comercio local. As inscricións están abertas na Rede. As persoas interesadas en participar tamén poden apuntarse na oficina do Servizo de Turismo de 10:30 a 13:30 horas.

“Esta iniciativa permítenos dispor de recursos para  dar resposta  ás necesidades das persoas da zona de influencia da nosa asemblea nas áreas de inclusión, emprego, saúde ou educación”, informou a Cruz Vermella, engadindo que “coa nosa participación, ademais de realizar unha actividade comunitaria, saudábel e lúdica, estaremos facendo posíbel que as persoas en situación de vulnerabilidade da nosa contorna sexan atendidas”. Ademais, teremos a oportunidade de gañar 3 millóns de euros co boleto do Sorteo do Ouro que as persoas participantes recibirán como agasallo pola súa inscrición.

Poderemos asistir en solitario ou en compañía das nosas amizades, familia ou mascotas.

Percorrido 11 quilómetros

A andaina vén cun percorrido longo duns 11 quilómetros, de dificultade baixa-media, ideal para quen busca unha ruta completa e variada sen renunciar ao pracer de camiñar. A saída realízase desde a praza Virxe da Guadalupe, avanzando polo paseo marítimo ata a praia da Torre, nun tramo totalmente chairo, con agradábeis zonas de sombra e vistas privilexiadas á beira do mar.

A ruta continúa cara ao interior, achegándose ás proximidades da AG-11 e pasando polo tradicional lavadoiro da aldea de Iñobre. Desde aí, prosegue pola vía de servizo paralela á AG-11 ata chegar á aldea da Cruz. Tras un breve tramo pola AC-305, o percorrido alcanza a aldea de Ourolo, onde enlaza co esteiro do río Beluso e coa senda litoral de Taragoña a Rianxo.

Este tramo, sinalan dende a organización, “destaca especialmente polo seu valor paisaxístico e pola riqueza da súa flora, ofrecendo un itinerario de gran beleza no que a tranquilidade e o contacto coa natureza se converten nos grandes protagonistas”.

Desde a praia da Torre retómase o paseo marítimo para regresar á praza Virxe da Guadalupe, pechando así un percorrido circular cheo de encanto

Percorrido 5 quilómetros

Percorrido curto duns 5 km, de dificultade baixa, perfecto para todos os públicos e ideal para gozar dun paseo agradábel en calquera momento do día. A saída ten lugar na praza Virxe da Guadalupe, no corazón de Rianxo, desde onde se inicia un traxecto polo paseo marítimo ata a praia da Torre. Trátase dun tramo totalmente chairo, con cómodos espazos de sombra e vistas abertas ao mar que convidan a camiñar con calma e a desfrutar do entorno.

A ruta continúa cara ao interior, achegándose ás proximidades da AG-11 e pasando polo tradicional lavadoiro da aldea de Iñobre, un recuncho cheo de encanto que conecta coa historia e a vida cotiá do rural rianxeiro. Desde aquí, o percorrido emprende o regreso cara ao paseo marítimo, retomando o camiño de volta ata apPraza Virxe da Guadalupe.

“É un itinerario sinxelo pero moi completo, que combina mar e terra, natureza e tradición, ofrecendo unha pequena mostra de todo o que fai especial a Rianxo”, sinalan dende a Cruz Vermello.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.