Cada ano e sobre o autor ou autora á que se lle dedica o Día das Letras Galegas aparecen unha serie de libros destinados ao lectorado infantil e xuvenil, especialmente para ser traballados na escola. Neste 2026 homenaxeamos a Begoña Caamaño, unha escritora que publica a partir dos corenta e cinco anos polo que só nos deixou dous libros Circe e o pracer do azul retomando o mundo clásico da Odisea e Morgana en Esmelle recreando a materia de Bretaña. Dous libros para adultos, sen a menor dúbida, aos que non van acceder aqueles matriculados no ensino obrigatorio. A estes van destinadas as diferentes biografías que se van publicando dende o momento no que a RAG ten tomada a decisión dobre a autoría no mes de xuño anterior.
Antes de comezar coa descrición destas obras quixera determe un instante recoñecendo o valor desta autora que se propuxo revisitar as personaxes femininas destas historias para cambiar o foco da mirada converténdoas en protagonistas e facéndolles adoptar papeis máis activos. É dicir, cambiando a historia de tal maneira que as mulleres se convertesen neses modelos ás que as nenas queiran imitar deixando de ser as secundarias sobre as que actúa a historia. Esa maneira de darlle a volta ao conto como acostumamos chamar cando falamos de literatura infantil é algo que se está a facer cos contos tradicionais e que resulta necesario para continuar asumindo os obxectivos da igualdade entre homes e mulleres no imaxinario literario. Esas dúas tradicións tan queridas no nosos sistema literario e que tan ben traballou Cunqueiro, son asumidas pola escritora que retoma tamén un dos personaxes do Merlín e familia, así coma os topónimos, homenaxeándoo. Esa é a lección de Begoña Caamaño para os máis pequenos, a recreación das historias transformando o papel das personaxes femininas.
As demais ensinanzas debemos extraelas da súa vida: dun xornalismo comprometido e veraz e dun compromiso co feminismo, os dereitos sociais e a identidade.

As obras que debemos ter en conta sobre a autora, van dende a biografía realizada por Pepe Carreiro en Os Bolechas para Bolanda ou Begoña Caamaño. Pequena biografía na colección Mulleres Galegas, neste caso realizada por Eva Mejuto e ilustrada por Tania Solla en Polo correo do vento.
Para primeiras idades e lectorado autónomo temos Begoñísima de Andrea Nunes Brións, un álbum ilustrado por Agustina Shuan e publicado por Cuarto de inverno que se presenta así: “Este libro non é só un conto sobre a vida e a obra da (…) referente feminista, defensora da lingua, dos dereitos humanos e da xustiza. É tamén unha homenaxe a todas as persoas que se organizan, que soñan xuntas, que transforman o mundo desde o coidado e a rebeldía.” A biografía ficcionada (que sitúa a Begoña no ámbito das meigas “porque a maxia máis poderosa é que nace do colectivo”) compleméntase con textos de non ficción que explican e documentan o que se narra.

De Eva Mejuto, con ilustracións de Nuria Díaz, é tamén o álbum ilustrado Os fíos de Begoña. Unha pequena biografía na que Eva comeza falándonos das Moiras de como tecían un fío co destino de cada persoa ao nacer e seguíndoo vainos contando a vida de Begoña. Eses fíos que a foron levando de un a outro lugar, dun a outro ámbito… e continuando despois da súa morte, con todas as homenaxes: O libro das amigas, Begoñísima, De Circe a Morgana. Homenaxe das escritoras galegas, o premio da Deputación da Coruña que leva o seu nome, a declaración de filla adoptiva de Santiago, a homenaxe Embegoreñadas, o seu nome nun parque de Compostela, a estrea da obra teatral Morgana en Esmelle por Sarabela teatro… e as Letras Galegas. Remata o libro cun “Para sabermos máis” onde se esquematiza todo o relatado e un código QR nos anima a escoitar as cancións da súa vida. Escribe Eva, coa voz que se dirixe a nós (lectoras/es) e comenta esa vida con chiscadelas para que podamos entendela mellor dende os nosos ollos de hoxe, engadindo comentarios e datos a modo de libro informativo e percorrendo todos os campos nos que hai algo que dicir.

Begoña ou o pracer da amizade de Beatriz Maceda é outro dos libros publicados por Xerais (que se está especializando en publicar magníficas obras para as Letras). Unha imaxe de Laura Romero a modo de colaxe e unha colección de fotografías familiares percorren a biografía. A autora realiza un xogo simbólico ao distribuír a narrativa da vida de Begoña entre as catro mulleres que debían ser inimigas pero rematan axudándose a través do diálogo. Penélope, a muller que tece narrará a súa infancia, un tempo de imaxinación desbordante e lecturas, de barrio vigués. de xogos e escola, de
profesoras que deixan pegada e coas que se reencontrará moitos anos despois para traballar xuntas en empresas ideolóxicas e pensamentos literarios. Morgana, a sabia que habitaba nas marxes do poder en Ávalon, a irmá de Artur, a condenada polas bocas e o poder, será a encargada de narrar o seu tempo na radio, a profesión amada e comprometida. Xenebra, a esposa de Artur, acompañante de Merlín nas selvas de Galicia, a que a través da conversa con Morgana poderá entender o seu pasado e bordar a súa historia en lugar da de outros; ela será quen fale da Begoña activista na loita, a súa participación en manifestos, declaracións e intervencións. Circe, a deusa de Eea onde crea unha comunidade de mulleres libres vai narrar o seu papel no feminismo; na rede que crea de amizades e colectivos, a procura da igualdade e a sororidade.

A nena que perdeu un zapato na lama de Ramón Nicolás con ilustracións de Carlos Gallego está publicado por Galaxia. É a historia dos primeiros anos no contexto do barrio coas xentes e os acontecementos que lle deixaron pegada neses anos de formación. A nena, o barrio de Lavadores e o Calvario que comparten ambos (cos camiños de lama onde se pode perder un zapato, as marcas do pasado literario como esa fábrica de papel La Cristina no que se imprimiron os Cantares gallegos, a súa vivenda cortada e á vista por un novo vial…) e Vigo (as películas enchendo a infancia de historias, as marcas do silencio ante a represión do franquismo, as mareas negras, as mobilizacións obreiras, a solidariedade, os edificios singulares, os tranvías… Remata solicitando un roteiro das escritoras pola cidade e sinala a posibilidade co nome e a escultura de Begoña.

Igual que o anterior, O transgredir das ondas de Paula Carballeira está publicado por Galaxia e destinado ao lectorado xuvenil. Unha obra teatral na que a través dun podcast se recompila voces, lembranzas e testemuñas que reproducen a biografía nun dialogo coa memoria, a identidade e a responsabilidade cultural. A Compostela de Begoña Caamaño de Encarna Otero é outro dos libros que acaba de aparecer…
A nós só nos queda lembrar as súas palabras “A maxia de contar reside niso: en crear a ilusión capaz de facernos sentir como certo aquilo que sabemos irreal”



