A X Andaina Solidaria de CONGALSA combinará a recollida de alimentos non perecedoiros e achegas económicas para apoiar o tecido social e ao sector do mar da comarca do Barbanza. Os detalles da iniciativa, con inscricións abertas ata o 21 de maio, foron presentados este mércores 13 de maio pola mañá nunha rolda de prensa na que participou Isabel Cañas, directora de Relacións Externas de CONGALSA, onda representantes de entidades colaboradoras e beneficiarias.

O encontro cos medios tivo lugar no edificio que a Confraría de Pescadores da Pobra do Caramiñal, entidade á que se destinará unha parte dos fondos recadados na camiñada, ten no centro da localidade. Por primeira vez, a firma pobrense apoiará a unha entidade do sector marítimo afectada pola caída da produción marisqueira na zona.
“Como empresa estreitamente ligada ao mar, queremos apoiar a quen vive da actividade pesqueira e marisqueira, un sector esencial para a nosa contorna”, explicou Cañas, ao tempo que puxo en valor o apoio á confraría nestes momentos de especial dificultade para a organización, sinalando que “é unha forma de devolver ao mar e aos seus profesionais parte de todo o que nos achega cada día”.
Outras entidades beneficiarias
A empresa apoiará tamén, por primeira vez, o labor de Cruz Vermella en Ribeira. Ademais, continuará colaborando con entidades como Cáritas de Santa María a Antiga do Caramiñal, Cáritas Parroquial de Santa Uxía de Ribeira e ICE Renovación.
CONGALSA destinará os alimentos recadados ás ONG e converterá os quilómetros percorridos nunha achega económica equivalente en euros, ao que sumará unha achega adicional que se repartirá entre todas as entidades beneficiarias
Precisamente, representantes destas organizacións compareceron na rolda de prensa onda a directora de Relacións Externas de CONGALSA: Enrique Maceiras, patrón maior da Confraría de Pescadores da Pobra do Caramiñal; Manuel Antonio Villar, consiliario de Cáritas de Santa María a Antiga do Caramiñal; Manuel Mirás, secretario de Cáritas Parroquial de Santa Uxía de Ribeira; José Urbano Mariño, representante de ICE Renovación e Ángeles Mera, presidenta de Cruz Vermella de Ribeira.

Percorrido proposto
Nesta nova edición a marcha sairá ás 09.30 horas do 24 de maio da praza de Segundo Durán, na Pobra do Caramiñal, cun percorrido circular duns 10 quilómetros, concibido para ser realizado en dúas horas, que transcorrerá por diversos enclaves de atractivo turístico do municipio como A Pedra da Moura, Punta de Cabío ou Praia da Laxe.
O trazado foi deseñado pola Asociación Amigos do Camiño de Santiago do Barbanza e Sar – A Orixe, entidade colaboradora da andaina desde 2024. O seu tesoureiro, Saturio Ferreiro, participou na rolda de prensa para agradecer a CONGALSA a súa colaboración coa asociación e animar á participación. Neste sentido, sinalou que “aproximadamente o 80% do percorrido previsto este ano transcorrerá polo Roteiro A Orixe, o que contribuirá a unha maior visibilización deste itinerario tanto entre a poboación da comarca como entre quen nos visita”. Un roteiro que pon en valor o vínculo entre a comarca do Barbanza e o Camiño de Santiago.
Unha iniciativa que exemplifica os valores de CONGALSA
En representación do Concello da Pobra do Caramiñal, que colabora coa iniciativa mediante medios loxísticos e de Protección Civil, interveu o segunda tenente de alcalde, Patricia Lojo, quen afirmou que “esta iniciativa é un exemplo dos valores que representa CONGALSA: solidariedade, compromiso, cooperación e apoio ás entidades que traballan cada día coas persoas que máis o necesitan”.
Así mesmo, sinalou que “nesta edición queremos resaltar especialmente ese respaldo ao sector do mar, que forma parte da nosa identidade colectiva e que atravesa momentos complexos”. Finalmente, Patricia Lojo animou aos veciños do municipio para sumarse á iniciativa solidaria.
Datos clave da iniciativa
A andaina solidaria, enmarcada nas políticas de responsabilidade social corporativa de CONGALSA, celebrou a súa primeira edición en 2016 e, desde entón, desenvolveuse de forma anual, coa excepción de 2024. Durante os anos de maior impacto da pandemia, en 2020 e 2021, levou a cabo en modalidade virtual. Posteriormente, recuperou o seu carácter presencial e incorporou a posibilidade de participación online mediante a adquisición dun dorsal 0 solidario.
“A iniciativa, que axunta deporte, convivencia e solidariedade, está promovida polo Proxecto Persoas, un programa da empresa orientado a favorecer o benestar e a cohesión entre o persoal mediante diferentes accións de carácter social e cultural, principalmente”, destacou Cañas, ao tempo que puxo en valor que “desde a súa posta en marcha, máis de 3.000 persoas participaron nesta acción solidaria, que permitiu doar ao redor de 50.000 euros ao tecido social do Barbanza”.
Modalidades de participación e cotas
As persoas interesadas en participar aínda dispoñen de oito días para inscribirse a través da web Deporticket.com. Tal e como se lembrou na rolda cos medios, establecéronse tres modalidades de adhesión: a individual, a partir de 13 anos, cunha cota de 5 euros; a familiar, que permite a inscrición dun adulto onda un máximo de tres menores polo mesmo prezo;e o dorsal 0, destinado a quen desexe realizar unha achega solidaria sen participar na camiñada. Onda isto, os camiñantes deberán achegar polo menos un quilo ou un litro de alimentos non perecedoiros, que se recollerán ao comezo do evento.
No apartado de agradecementos, a directora de Relacións Externas de CONGALSA quixo recoñecer a colaboración do ribeirense Abraham Benítez, referente na promoción do voluntariado deportivo e a inclusión a través do deporte na comarca, pola doazón dunha peza artística da súa autoría para a promoción da iniciativa: a recreación dun dolmen, que será sorteada entre todos aqueles que participen na andaina.
Finalmente, Isabel Cañas agradeceu o labor da asociación Amicos, entidade do Barbanza que traballa pola inclusión e a mellora da calidade de vida de persoas con discapacidade intelectual, cuxos usuarios actuarán como voluntarios durante a acción solidaria para entregar as camisetas da iniciativa aos participantes.



