A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Lousame, Esteban Ares; o concelleiro de Obras e Medio Ambiente de Rianxo, José Alberto Angueira Gómez; e pola directora territorial da Consellería de Medio Rural, Nieves Mancebo, supervisou este luns 4 de maio os traballos executados nos ditos concellos do Barbanza no marco dunha actuación do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA) 2026. Docampo puxo en valor “o importante esforzo técnico, humano e económico que está a realizar a Xunta para anticiparse ao lume e mellorar a protección do territorio e da poboación”.

Máis polo miúdo, supervisou os traballos de prevención de incendios forestais que se están a executar nos montes situados entre os concellos de Lousame e Rianxo, nunha extensión de 50 hectáreas do Distrito 4, co-financiados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) dentro do Plan Estratéxico da PAC de Galicia 2023-2027 (PEPAC).
No punto visitado este luns 4 de maio en Lousame estanse a desenvolver concretamente traballos de mellora de devasas, consistentes na limpeza e acondicionamento destas franxas de seguridade para limitar a continuidade da biomasa vexetal e reducir así o risco de propagación dos incendios forestais.

Durante o percorrido, a representante do Goberno galego destacou a importancia destas actuacións para “seguir reforzando a protección do territorio fronte ao lume, mellorando a capacidade de prevención e facilitando ao mesmo tempo o labor dos servizos de extinción en caso de incendio”.
Este proxecto abrangue actuacións nos 10 concellos de Boiro, Lousame, Dodro, Noia, Rianxo, Rois, Outes, O Porto do Son, Padrón e A Pobra do Caramiñal, onde se levarán a cabo labores de execución de áreas cortalumes, mellora de devasas e acondicionamento de faixas auxiliares de pistas forestais, co obxectivo de crear e manter infraestruturas estratéxicas que contribúan á defensa dos montes galegos.

As obras foron adxudicadas por un importe de máis de 257.000 euros, e contan cun prazo de execución ata outubro de 2026.
A delegada territorial puxo en valor “o esforzo investidor da Xunta neste tipo de actuacións preventivas”, incidindo en que “a anticipación e a planificación son ferramentas fundamentais na loita contra os incendios, polo que resulta necesario actuar durante todo o ano na conservación e mellora destas infraestruturas forestais”.
Así mesmo, lembrou que “a Xunta mantén unha aposta continuada pola prevención como eixo prioritario da política forestal galega, complementando os dispositivos de vixilancia e extinción con investimentos destinados á ordenación, limpeza e protección do monte”.

Durante a visita, Belén do Campo explicou que, no conxunto da comunidade, “está previsto actuar este ano nunha superficie de 33.880,41 hectáreas a través de distintas actuacións silvícolas e preventivas, entre as que se inclúen traballos en áreas cortalumes, creación e mantemento de faixas auxiliares, mellora de pistas forestais, queimas prescritas, así como accións desenvolvidas ao abeiro das subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios e das colaboracións coas entidades locais”.
A delegada da Xunta subliñou que “falamos dunha planificación preventiva ampla e estruturada, que ten como finalidade reducir a carga de combustible vexetal, mellorar a accesibilidade ao monte e minimizar o risco de propagación do lume nas zonas máis sensíbeis”.
Belén do Campo lembrou ademais que, de forma complementaria a estes traballos, a Consellería do Medio Rural “continúa desenvolvendo o convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias asinado coa empresa pública SEAGA, a través do que se presta apoio aos concellos e aos propietarios para facilitar o cumprimento das súas obrigas legais de limpeza e mantemento nas franxas próximas ás vivendas”. Salientou tamén que este convenio conta este ano cun orzamento de 25 millóns de euros, o dobre que no exercicio anterior, o que permitirá “incrementar a capacidade de actuación, reforzar a colaboración cos municipios e avanzar nunha xestión máis eficaz e ordenada das contornas habitadas”.
Belén do Campo destacou que un total de 292 concellos galegos formalizaron xa a súa adhesión a este acordo, o que supón máis do 93 % dos municipios da comunidade e unha cifra superior á rexistrada no anterior convenio. No caso da provincia da Coruña son 90 de 93 os municipios adheridos. Neste sentido, lembrou que “as entidades locais tiveron ata o pasado 31 de marzo para remitir á Xunta os seus plans de traballo coas actuacións solicitadas en cada territorio, co obxectivo de facilitar a planificación das intervencións previstas ao longo deste ano”.
Ao abeiro desta colaboración, a Xunta impulsará tamén unha estratexia reforzada de aldeas preparadas fronte ao lume, mediante a organización de charlas informativas nas parroquias priorizadas e naquelas catalogadas como de alta actividade incendiaria. O obxectivo destas accións é “informar á veciñanza sobre a importancia dunha correcta xestión das faixas secundarias por parte das persoas propietarias e ofrecer consellos prácticos de autoprotección en caso de incendio forestal”, sinalou, salientando que “a prevención require tamén implicación social e coñecemento, por iso é fundamental seguir achegando información útil á cidadanía para que saiba como actuar antes, durante e despois dunha situación de risco”.
Entre as principais novidades, enxalzou o reforzo das execucións subsidiarias en zonas de risco de incendio nas que os titulares das parcelas non cumpran coas súas obrigas legais, así como a ampliación do número de parroquias priorizadas, que pasan de 157 a 276 en toda Galicia. En concreto na provincia da Coruña hai 27 parroquias seleccionadas para recibir un tratamento preferentes dentro deste convenio de limpeza de faixas secundarias, a maior parte na comarca do Barbanza nos 7 concellos de A Pobra (1), Boiro (3), Carnota (1), Lousame (1), Porto do Son (5), Rianxo (2) e Ribeira (1). Nestas áreas, os particulares poden contratar directamente con Seaga a realización das rozas preventivas bonificadas cun custo de 420 euros por hectárea, ademais nestas zonas.





