A Xunta de Galicia continúa reforzando o apoio ao sector marisqueiro tras os episodios de mortaldade rexistrados a comezos de ano pola baixada da salinidade. O Consello autorizou este luns a sinatura de dous novos convenios coas confrarías de Muros e Vilaxoán por un importe conxunto próximo aos 560.000 euros.

Estes acordos súmanse ao asinado recentemente coa confraría de Noia e forman parte dun paquete extraordinario de 22,7 millóns de euros impulsado polo Goberno galego para a recuperación dos bancos marisqueiros.
Os convenios permitirán desenvolver actuacións de restauración ambiental nas zonas produtivas, ao tempo que garanten unha alternativa económica ás persoas mariscadoras afectadas pola paralización da actividade. Así, as profesionais participantes percibirán ata 700 euros mensuais mentres realizan tarefas de recuperación nos areais.
No caso da confraría de Muros, o investimento ascende a 352.403 euros e permitirá actuar nas zonas da praia do Castelo e a enseada de Esteiro. O plan contempla a participación de ata 71 profesionais, que levarán a cabo labores de acondicionamento do substrato en preto de 66.000 metros cadrados, así como a retirada de residuos orgánicos e lixo mariño. Ademais, inclúe a sementeira de máis de 136.000 unidades de ameixa babosa e accións formativas centradas, entre outras cuestións, na identificación de especies invasoras.
Pola súa banda, o acordo coa confraría de Vilaxoán conta cun orzamento de máis de 206.000 euros e desenvolverase na zona comprendida entre o regato Aduana e a punta do Ferrazo, incluíndo bancos como Corón ou Parques do Rial. Neste caso participarán ata 21 persoas, que executarán traballos de descompactación do substrato, control de depredadores e competidores e retirada de residuos nunha superficie próxima aos 168.000 metros cadrados. O proxecto inclúe tamén a sementeira de 400.000 unidades de ameixa.
Con estas actuacións, a Xunta busca avanzar na recuperación produtiva dos areais galegos e garantir a sustentabilidade dun sector clave para a economía litoral



