Sentarse todos os días durante máis de corenta anos a escribir un artigo de xornal.
Aproximadamente, catorce mil: o equivalente a unhas cen novelas; sen contar as máis de
vinte que leva publicadas. Ou, se se prefire, a Enciclopedia Británica en forma de
columnas.
Eses milleiros de textos son obra dun dos autores máis sólidos e prolíficos da literatura
galega actual: o amaiano Alfredo Conde, que vén de recibir o Premio José Luis Alvite de
Xornalismo. Un recoñecemento que, máis alá do seu carácter simbólico, sinala unha das
traxectorias máis amplas e rigorosas do columnismo literario en activo neste país.
Nun tempo dominado pola velocidade, pola opinión instantánea e pola evaporación da
memoria, escribir un artigo conserva algo de resistencia. Supón deter o mundo durante
horas —ás veces días— para pensalo e asumir o difícil exercicio de construír unha peza
de artesanía literaria. Nese xesto hai xa unha forma de ser e de estar na escrita.
Coa entrega deste galardón o vindeiro 4 de Maio, un xesto de gran relevancia, non só
estamos ante un narrador consolidado, con obras claves do noso sistema literario, senón
tamén diante dun autor que entende o artigo como prolongación natural da súa literatura.
Non hai corte entre o novelista e o columnista; pola contra, hai continuidade de mirada.
Mesmo cando el establece a diferenza: o novelista constrúe un mundo e en cambio, o
articulista disecciona o que habita—, persiste en ambos a mesma esixencia formal. En
todos os textos de Conde reaparecen as mesmas preocupacións: o poder, a importancia
da cultura, da historia ou da condición humana. E sempre con clara vontade de estilo.
Neste ecosistema mediático onde a linguaxe tende a simplificarse ata o esgotamento,
Conde continúa a traballar desde unha convicción que semella hoxe case intempestiva:
escribir importa por si.
Durante décadas, o artigo funcionou en Galicia como un espazo de autoridade intelectual.
Non no sentido académico, senón no máis fondamente civil: o lugar onde literatura e
pensamento se cruzaban coa vida cotiá para iluminala e criticala. José Luis Alvite
representou como poucos esa tradición. A súa voz —irónica, escéptica, profundamente
literaria— convertía o xornal nun territorio de interpretación e desfrute.
Hai algo inevitablemente anacrónico —e por iso mesmo necesario— na figura dun
articulista da caste de Alvite ou Conde. Nesa anacronía insírese tamén unha conciencia
de tradición que convén non perder de vista. Igual que Alvite dialogaba cunha forma de
entender o xénero que viña datrás, tamén Conde escribe sabendo que forma parte dunha
cadea. Non se trata de imitar modelos, senón de asumir desde a modernidade e a solidez
dos seus textos que escribir nun xornal implica unha historia, un peso e unha
responsabilidade. Fronte ás opinións rápidas ou comentarios efémeros, o artigo literario
reivindica outra temporalidade: a da relectura, a da permanencia, a da palabra que non se
esgota no día da súa publicación.
Por iso, máis alá do recoñecemento individual, o Premio Alvite funciona tamén como unha
chamada de atención. Que lugar ocupa hoxe o articulismo na cultura galega? Existe aínda
ese espazo intermedio entre literatura e xornalismo que foi tan fértil ao longo do século
XX? Ou estamos a asistir á súa transformación en algo distinto?
Non teño resposta evidente, pero si unha certeza provisoria: mentres existan autores que
conciban o artigo como forma profunda de pensamento e de estilo, ese territorio de autor
que nos sinala o Premio Alvite non desaparecerá de todo. Porque escribir —facelo de
verdade— segue a ser unha maneira de ordenar o mundo e, en certa medida, de
opoñerse ao seu balbordo.
Nun tempo inclinado ao esquecemento, aspirar a durar contén algo case subversivo. O
artigo, cando é verdadeiro, non busca ser só actual: busca ser necesario. Igual que a a
gran literatura.
Xosé Antonio López Silva



