
A Xunta de Galicia proporá na Mesa Sectorial Docente que o curso escolar 2026-27 comece o próximo 9 de setembro e remate o 21 de xuño de 2027 para todas as etapas educativas, agás os segundos cursos dos ciclos formativos de grao Básico, Medio e Superior de FP, que rematarán o 15 de xuño. Así se recolle no borrador de orde que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de remitir ás organizacións sindicais para a súa análise na xuntanza da mesa que terá lugar o 13 de maio, na que tamén se abordará a proposta para reconfigurar o horario do profesorado de Secundaria, froito do traballo desenvolvido no marco da Comisión de Seguimento do Acordo do ano 2023 coas organizacións sindicais CCOO, ANPE, UGT e CSIF.
Porén, a Consellería explica que “no caso das Ensinanzas de Réxime Especial, como xa se fixo no presente curso, tendo en conta as características e particularidades deste tipo de estudos, poderá flexibilizarse o inicio das actividades lectivas ata o 16 de setembro como moi tarde”. Amais, no caso de 2º curso de Bacharelato as clases rematarán de acordo coas datas previstas para a Proba de Acceso á Universidade, PAU.
Os períodos de vacacións escolares irían do día 21 de decembro de 2026 ao 6 de xaneiro de 2027, ambos inclusive, no Nadal; os días 8, 9 e 10 de febreiro de 2027 para o Entroido; e desde o día 22 ata o 29 de marzo, ambos incluídos, para a Semana Santa. Ademais, serían días non lectivos o 7 de decembro (Día do Ensino) e as festas laborais de ámbito estatal, autonómico e local.
A proposta de orde de calendario tamén recolle que, para o vindeiro curso, as probas de avaliación de diagnóstico fixadas polo Goberno do Estado a través da Lei de educación LOMLOE para 4º curso de Primaria terán lugar entre o 26 e o 30 de abril, e para 2º de ESO realizaranse entre o 19 e o 23 de abril de 2027. Canto ao período de adaptación para o alumnado de 4º curso de Educación Infantil, os centros poden optar por unha incorporación gradual que non se prolongará máis aló do 15 de setembro.
Así mesmo, tamén se eleva para análise na Mesa Sectorial Docente a proposta de traballo entre a Consellería de Educación e as organizacións sindicais CCOO, ANPE, UGT e CSIF para intensificar e ampliar as melloras recollidas no Acordo de 2023, entre as que se atopa a folla de ruta para a reconfiguración, xa desde setembro, do horario do profesorado de Secundaria (é dicir, de ESO, Bacharelato e FP) e das Ensinanzas de Réxime Especial co fin de adaptar o traballo á realidade actual dos centros educativos.
Esta medida supón pasar de 20 a 18 as sesións lectivas directas na aula, de xeito que o profesorado poida dedicar ese tempo a atender outras necesidades de carácter escolar como atención ao alumnado, atención ás familias e desenvolvemento de proxectos educativos e protocolos.
Porén, todos eles contarán coas 37,5 horas semanais laborais que teñen o resto do persoal funcionario en Galicia, 30 delas de permanencia no centro, cunha parte fixa de 23 horas a razón de 18 sesións de docencia directa e cinco sesións complementarias para apoio, e unha parte non fixa de sete horas.



