A Universidade da Coruña lidera o proxecto europeo MAREST, que impulsará novas estratexias de restauración de ecosistemas mariños

13 Maio 2026

O proxecto europeo MAREST, financiado polo programa de cooperación transfronteiriza Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, celebrou este martes 12 de maio a súa reunión de arranque (kick-off), que marca o inicio oficial das súas actividades científicas e de coordinación entre socios.

O obxectivo do programa é reforzar a cooperación transfronteiriza entre España e Portugal, contribuíndo ao desenvolvemento sostíbel e á cohesión territorial das rexións participantes.

A iniciativa está liderada por Rodolfo Barreiro Lozano e Cristina Piñeiro Corbeira, investigadores do grupo Biocost do CICA e docentes da Universidade da Coruña.

MAREST enmárcase nun contexto europeo especialmente relevante tras a recente aprobación do Regulamento de Restauración da Natureza da Unión Europea, que introduce un cambio de paradigma na política ambiental: a restauración activa dos ecosistemas degradados pasa a converterse nunha ferramenta central de conservación, complementando as estratexias tradicionais de protección. Este novo enfoque impulsa a incorporación de medidas de reforzo activo de especies e hábitats ameazados nas estratexias de conservación.

Neste contexto, o proxecto MAREST propón desenvolver e avaliar estratexias aplicadas a dous recursos naturais mariños de alto valor ecolóxico e socioeconómico: os bosques de algas kelp (Macrocystis pyrifera) e as poboacións do ourizo de mar (Paracentrothus lividus).

Dende a UDC explican que “os bosques de kelp constitúen ecosistemas clave do litoral, ao funcionar como hábitats estruturantes para numerosas especies mariñas e contribuír á biodiversidade e ao equilibrio ecolóxico costeiro”. Pola súa banda, o ourizo de mar “representa un recurso de alto valor comercial na rexión, especialmente relevante para as comunidades pesqueiras”.

Ambos sistemas afrontan presións crecentes nos últimos anos. No caso das algas, o cambio climático está a provocar degradacións e perdas de cobertura. Pola súa banda, o ourizo ten un risco de sobrepesca recente que pode comprometer a viabilidade das poboacións naturais.

MAREST explora estratexias que permitan, por unha banda, evitar o colapso dos ecosistemas de kelp e, por outra, avanzar cara a modelos de explotación sostible do ourizo de mar, integrando enfoques de restauración activa e xestión adaptativa.

A reunión inicial do proxecto reuniu a representantes das entidades beneficiarias participantes co obxectivo de establecer as bases organizativas e operativas do consorcio. Durante o encontro abordáronse aspectos clave de coordinación, planificación técnica e financeira, así como os mecanismos de seguimento e comunicación entre socios. Este primeiro encontro permitirá tamén perfilar con maior detalle a execución das tarefas previstas e consolidar o calendario de traballo das diferentes liñas de investigación.

MAREST reforza a cooperación científica transfronteiriza entre Galicia e Portugal, promovendo a colaboración entre grupos de investigación e entidades do ámbito académico e institucional, nun marco orientado á innovación, á sustentabilidade e á transferencia de coñecemento ao territorio.

O consorcio do proxecto está formado por entidades lusas e españolas que cobren distintos ámbitos da investigación, a produción e a xestión dos recursos mariños. Entre as entidades beneficiarias participan o IFAPA Centro El Toruño (Andalucía), a Hope Zones Association (Lisboa), as empresas galegas Porto-Muíños S.L. e AlgaFrés S.L., a Universidade de Évora, o Instituto Politécnico de Leiria, a Confraría de Pescadores da Coruña e o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (CIIMAR) de Matosinhos. A estes súmanse como socios institucionais a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia e a Câmara Municipal de Viana do Castelo.

Outros artigos

Este xoves 11 teremos ceos con nubes altas e unha suba das temperaturas

Galicia vivirá este xoves 11, San Bernabé, unha xornada marcada pola estabilidade atmosférica, coa influencia anticiclónica e a entrada dunha masa de aire cálido procedente de latitudes inferiores. Agárdanse ceos con nubes altas, aínda que estas non impedirán o paso...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La ley seca en Riazor”. José Castro López

“La ley seca en Riazor”. José Castro López

Acabó la temporada futbolística y, con ella, las alegrías, las decepciones, los ascensossoñados y los descensos temidos. Pero cuando el balón deja de rodar queda tiempo parareflexionar sobre algunas cosas que ocurrieron en los estadios y que merecen unareflexión.Una...