O Barbanza acolle esta semana varias representacións da obra de teatro As mil e unha, que ten o obxectivo de conmemorar o Día das Letras Galegas e achegar a figura da escritora Begoña Caamaño, homenaxeada este 17 de maio, ao público infantil.
Trátase dunha actividade do programa FalaRedes, da Secretaría Xeral da Lingua (Xunta).
Segundo explicou os días pasados o secretario xeral de Lingua, Valentín García, na compaña da contadora Vero Rilo, As mil e unha afonda dun “xeito divertido e ameno” no universo literario de Begoña Caamaño “para achegar á cativada maior de 4 anos a importancia das Letras Galegas e de celebrar a nosa cultura e a nosa lingua”.

O percorrido de As mil e unha iniciouse o 18 de abril no municipio ourensán de Pereiro de Aguiar. Logo de varias recaladas en diferentes puntos da xeografía galega, este o xoves 7 estará no espazo Apego, de Santiago de Compostela, ás 18,00 horas, mentres que o venres 8, celebrarase no Casino do concello coruñés de Noia, ás 18,00. Ao día seguinte, recalará no Centro Cultural Lustres Rivas, no municipio coruñés de Ribeira, ás 12,00 horas, para pechar o percorrido da fin de semana, o domingo 10, na Casa da Cultura, da vila coruñesa de Porto do Son, ás 18,00 horas.
Sinopse
A narradora Vero Rilo únese ao músico Luís Iglesias nunha proposta que repara na súa faceta de xornalista e mais na de narradora e revisora de mitos. Porque… que pasaría se por arte de maxia conectásemos en directo coa Circe de Begoña ou chamase á radio Morgana desde Esmelle? Acaso Penélope tecería a actualidade deste mundo? Todo será posíbel para quen acompañe a emisión do programa radiofónico As mil e unha, cheo de historias e de música que nos achegan a Begoña Caamaño,






