A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza emitiu un comunicado de valoración sobre a xuntanza mantida o pasado venres 8 de maio cos responsábeis sanitarios da Área Sanitaria, unha reunión que cualifican de “primeiro paso positivo a falta de máis avances para sacar a sanidade pública da precariedade actual”. Lembran que a reunión durou dúas horas e media e que foi o froito dunha solicitude reiterada da Plataforma.

Participaron seis representantes da entidade e os responsábeis sanitarios (Ángel Facio, xerente da Área Sanitaria, e Hugo Pérez, director do hospital). No transcurso da xuntanza, ambas as partes puideron intercambiar datos e pareceres sobre a situación actual da sanidade pública na comarca do Barbanza.
Para os membros da Plataforma, “un primeiro dato destacado é que houbo moita coincidencia na análise e no establecemento de cales son as especialidades con máis problemas. Isto é algo moi relevante, xa que significa que o punto de partida para poder resolvelos é común. Tamén evidencia que a percepción que se tiña dende a Plataforma, malia non sempre dispoñer de datos públicos para corroborala, era axeitada”, sinalaron, engadindo que “na xuntanza entrouse polo miúdo a avaliar como a xerencia sanitaria está a afrontar determinadas eivas e os responsábeis sanitarios aceptaron volver reunirse coa Plataforma nun prazo de seis meses, ademais de compartir por correo electrónico os avances que se vaian producindo nalgunhas das áreas máis preocupantes”.
Na valoración conxunta, as representantes da Plataforma recibiron información sobre como se están tratando de reducir as listas de espera en varios servizos. “Nas últimas semanas houbo algúns cambios que poderían ir na boa dirección, aínda que fará falta algo máis de tempo para realmente poder valorar o seu impacto”, sinalaron, engadindo que en áreas como Xinecoloxía “vénse de contratar unha nova persoa e estase realizando un aumento significativo das consultas de revisións que se fan polas mañás”.
Ademais, en Traumatoloxía hai a perspectiva de crear unha unidade conxunta das dúas especialidades de AME (alxias musculo-esqueléticas) como a que xa está funcionando en Santiago. “Sería unha atención conxunta para axilizar as primeiras consultas das doenzas máis habituais nestes servizos (as dores musculo-esqueléticas)”, salientaron.
Polo que respecta a Rehabilitación, foille comunicado á Plataforma que vén de adquirirse un ecógrafo para reducir o número de revisións. Ademais, “vanse aprobar horas extras para avanzar, entre outros, nos casos de linfedema (unha das patoloxías con máis atrasos en ser atendida)”.
A Plataforma insistiu en que as horas extra só se utilizan para atender primeiras consultas, mais non é suficiente, porque “tamén precisamos baixar as listas de agarda en revisións”.
Comentaron tamén a posibilidade de realizar derivacións directas dende as médicas de familia ás fisioterapeutas, sen pasar pola consulta de medicina de rehabilitación, “pero isto xa se está realizando nos centros de saúde de Boiro e O Porto do Son, e non se fai en Ribeira porque a día de hoxe as fisioterapeutas que están adscritas ao seu centro de saúde traballan no Hospital da Barbanza, compartindo espazo coas que están adscritas ao hospital”, sinalóuselles ás integrantes da Plataforma.
A respecto da consulta médica de rehabilitación infantil (só hai un día por semana), a Plataforma propuxo aumentar o número de consultas semanais, “porque non é o mesmo esperar nove meses por unha consulta cando tes tres meses de idade (o triplo do tempo que levas vivido) ca cando unha persoa xa é maior”.
Ademais, a Plataforma valorou “negativamente” que, tendo estas listas de espera, as tres prazas de facultativo especialista en medicina física e rehabilitadora asignadas ao Hospital da Barbanza estean sendo compartidas co Hospital Clínico, “de xeito que, no canto de 15 consultas semanais, só temos 11”.
Polo que respecta a Cirurxía, a xerencia explicou que, tras un tempo no que quedaron traballando dous cirurxiáns de cinco (o que “provocou un aumento importante da lista de espera de consultas”), “neste momento conseguiuse normalizar o persoal”, co que esperan que empece a diminuír a lista de agarda. A Plataforma manifestou as súas dúbidas a respecto de que a volta á situación previa “poida diminuír unhas listas xeradas nunha situación excepcional, porque unha cousa é non aumentar a lista nesa situación e outra poder asumir a mellora dunha situación tan grave (máis de un ano para revisións e arredor de seis meses para as primeiras consultas) sen facer un plan especial”. A xerencia acordou traballar co novo xefe de cirurxía da área nun plan para abordar a situación no Hospital da Barbanza.
No que se refire a Endocrinoloxía, dende a Plataforma pediuse que “se revisase a distribución do traballo, para poder reducir a carga de traballo dunha das facultativas, que, por ser a máis veterana e por pasar de vir antes ao hospital todos os días da semana e agora non, ten unha lista de espera maior de un ano en revisións”.
En Medicina Interna, presentouse o problema das consultas de revisións (“esperas que superan o ano”) nas dúas consultas dos facultativos máis veteranos. A xerencia pediu tempo para estudar esta cuestión e procurar unha solución.
En Probas de Diagnóstico, a xerencia informou da contratación dunha nova facultativa especialista en radioloxía.
A Plataforma recoñeceu “quedar á espera de ter novos datos nos próximos meses para valorar se as medidas formuladas son realmente eficaces”.
No ámbito da Saúde Mental, abordouse a vontade de crear no futuro unha unidade específica no Hospital do Barbanza, “pero para isto cumpriría que estivese xa construído o novo centro de saúde nesta vila, xa que o actual non dispón de espazo nin é axeitado, e é algo que non vai suceder nos próximos meses”. A Plataforma valorou positivamente esta iniciativa, pero indicou que “sería urxente poñer a unidade en marcha, xa que o servizo de psiquiatría e psicoloxía é un dos peor dotados no Barbanza”, sinalou. Por iso, “de non poder crearse nas instalacións de Ribeira avogaron por a analizar a posibilidade de instalala na Pobra ou en Boiro, para non demorar máis unha asistencia tan necesaria”.
A Plataforma valorou positivamente a recente incorporación dun psicólogo en Atención Primaria (que se repartirá entre A Pobra e Boiro).



