A oposición de Ribeira pedirá no pleno a restauración inmediata do monumento pola memoria dos represaliados polo fascismo na Guerra Civil

22 Maio 2026

Os grupos da oposición da Corporación de Ribeira (BNG, PSdG e concelleiros non adscritos) adheríronse á Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza para reclamar ao Concello a restauración urxente do monumento de lembranza ás vítimas da represión franquista do Malecón, obra da artista noiesa Soledad Penalta, e esixir unha condena institucional dos actos vandálicos acontecidos contra esta.

A través dun comunicado conxunto asinado por Luís o Pérez Barral portavoz do BNG, Francisco Suárez-Puerta Colomer, portavoz do PSdeG-PSOE, Juan Luis Furones Ramos, concelleiro non adscrito, e Tania Redondo Fernández, concelleira non adscrita, xunto cos responsábeis da CRMHB, trasladarán ao pleno da Corporación a súa “máis fonda preocupación e firme condena polos actos vandálicos acontecidos a fin de semana do 16 e 17 de maio contra a placa de memoria histórica situada xunto á escultura realizada pola artista Soledad Penalta, un espazo que representa un símbolo de dignidade democrática, de lembranza e de reparación ás vítimas da represión franquista”, sinalan.

Lembran que esta escultura e o seu espazo memorial “foron aprobados democraticamente polo pleno do Concello de Ribeira, o que evidencia que a defensa da memoria democrática debe situarse por riba de calquera diferenza política e formar parte do compromiso común das institucións coa convivencia, coa verdade histórica e cos valores constitucionais”.

E proseguen: “O ataque a un lugar de memoria non é un simple acto de deterioro material. É un ataque contra a memoria colectiva, contra os valores democráticos e contra o dereito da cidadanía a coñecer a súa propia historia. Cada agresión contra estes espazos busca devolver ao silencio ás vítimas e ás súas familias, perpetuando o esquecemento e a impunidade”. Recordan tamén que “a Lei 20/2022, de Memoria Democrática, establece a protección e conservación dos lugares de memoria democrática, así como o deber das administracións públicas de garantir o seu respecto e preservación. Os actos de destrución, deterioro ou profanación de elementos vinculados á memoria democrática poden constituír unha infracción administrativa grave, ao supoñer danos ou menosprezo sobre bens e espazos amparados pola lexislación memorialista, sen prexuízo doutras posíbeis responsabilidades civís ou penais que puidesen derivarse”.

Os grupos asinantes propoñen así o seguinte:

-A condena pública e institucional destes actos vandálicos contra a escultura en homenaxe ás persoas de Ribeira represaliadas pola ditadura.

A restauración inmediata da placa e dos elementos danados, garantindo a súa conservación e dignidade. Esta restauración farase mediante un acto público no que tamén haxa participación da CRMHB e das vítimas.

-A aplicación efectiva da Lei de Memoria Democrática no relativo á protección, sinalización e preservación dos lugares de memoria.

-O impulso de medidas de protección e mantemento destes espazos para evitar novas agresións.

-O compromiso do Concello coa difusión da memoria democrática mediante actividades educativas, culturais e institucionais que contribúan a transmitir ás novas xeracións os valores da liberdade, da xustiza e da defensa da democracia.

    Outros artigos

    Publicidade

    Revista en papel

    Opinión

    “Leire”. Xulio Xiz

    “Leire”. Xulio Xiz

    Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

    «Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

    «Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

    Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...