A marca gastronómica provincial estará presente este martes no Premio Cociñeiro/a Galego/a 2026

26 Maio 2026

A Deputación da Coruña participa este serán na gala do Premio Cociñeiro/a Galego/a 2026, que se celebra no auditorio Mar de Vigo. Ao acto acudirá o vicepresidente, Xosé Regueira, e haberá un espazo propio da campaña provincial A paisaxe que sabe.

A cita, organizada por Galicia Fórum Gastronómico, inaugura unha nova etapa do certame, que pasa a ter carácter anual e reforza a súa aposta pola promoción da gastronomía galega, o produto de proximidade e o talento emerxente.

Os chefs do restaurante coruñés Árbore da Veira

“A gastronomía galega vive un momento extraordinario grazas á combinación do enorme talento das nosas cociñeiras e cociñeiros cunha despensa única, que nace do mellor mar e da mellor terra. Temos produto, identidade e creatividade, e iso convértenos nun territorio de referencia”, sinalou Regueira.

A participación da Deputación enmárcase na estratexia de promoción da provincia como territorio gastronómico de referencia, poñendo en valor o produto local, a sustentabilidade e a identidade culinaria coruñesa.

A marca A paisaxe que sabe contará cun espazo de seu dentro do evento. Nel, os chefs Iria Espinosa e Luís Veira, do restaurante coruñés Árbore da Veira —distinguido cunha estrela Michelin—, elaborarán distintas propostas para o público asistente. Entre elas, torrada de tinta de lura con bocarte e plancto, molete de polbo á galega e xurela con queixo galego, amorodos e flocos de millo.

A través deste espazo propio de A paisaxe que sabe “queremos explicar o éxito dunha provincia que sabe transformar o seu territorio, a súa paisaxe e o seu produto nunha experiencia gastronómica de altísimo nivel”, reivindicou o vicepresidente da Deputación da Coruña.

Xosé Regueira incidiu tamén na importancia de apoiar o talento emerxente e de visibilizar o sector en eventos de referencia.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, participará ademais nunha conversa institucional prevista ás 20:30 horas xunto ao director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, nun bloque centrado na promoción do territorio e da gastronomía galega.

A provincia da Coruña contará tamén con representación entre as candidaturas finalistas ao premio, coa presenza de D’Obra, do cociñeiro Andrés Torreiro, de Melide, e Bacelo, representado por Mar Lago e Álex Martínez, de Ferrol.

Outros artigos

O Concello de Ribeira reivindica o Orgullo con música e cine

O Concello de Ribeira celebrará o Día do Orgullo 2026 cunha completa axenda na que, ademais do acto institucional, non faltarán outras de carácter lúdico. Na presentación, a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, xunto á concelleira de Igualdade, Ana Barreiro, e a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...