“A casa sen varrer”. Luís Celeiro

30 Maio 2026

Repartiron as leiras e a el tocoulle detrás da eira, alí onde sempre se sementaron as patacas, con
patacas de boa semente, onde se plantaban as verzas, naquel leiriño da envexa para os veciños que
viviran naquel lugar, alí onde hoxe non queda ninguén, onde non hai marcos que marquen as
extremas, onde non hai camiños nin carreiros, onde a terra é para quen queira traballala. Nunca tal
se vira, os máis vellos da contorna lembran as pelexas cos veciños da porta pola auga e pola
extrema, pola maceira da esquina e polo carballo da beira do camiño.
Agora, ninguén lembra os nomes cos que se coñecían aqueles pequenos anacos de terra, daquela
terra repartida en searas ou da bouza coloreada de amarelo, coas flores das xestas, e mollada co
alento dos homes que a cavaban con aixadas, despois de rompela coa cambela. Poucas das persoas
lectoras deste xornal escoitaron falar da cambela e moi poucas viron arar con ela. Era un apeiro, un
aveño de madeira, dunha soa peza curva, cunha rella e un temón longo para enganchar no xugo que
xunguía a dúas vacas labradoras.
Aquelas terras da bouza están no interior de Galicia constituíndo unha enorme masa improdutiva,
igual que os prados, igual que as serras, que os montes, os soutos e as leiras de labradío. Todo é
igual, unha terra abandonada esperando unha retrasada mellorada.
Os veciños limpaban os camiños, rozaban canto había que rozar e andaban coa fouce na man
seguido, procurando poñerlles límite ás silveiras, cantando xunto ao vello carballo, na caracocha do
castiñeiro ou escoitando o falar dos paxaros e da natureza, o oulear dos lobos e esperando, cando
era o tempo, polo cantar do cuco.
Os camiños estaban limpos e podíase andar por eles en zapatillas. Agora, a quen lle toca limpalos? A
quen lle corresponde a tarefa de mirar por eles? De quen é aquel prado cuberto de maleza e coas
súas paredes desfeitas, caídas e totalmente esborralladas? De quen son os xabarís que andan ás súas
anchas fozando nas patacas? As administracións non saben nada. De todo o importante,
desenténdese a estatal, despreocúpase e esquécese a autonómica e a local mira para o outro lado,
organiza festas con empanadas, feitas coa zarangallada de atún que lle oferta outra administración,
a provincial.
A Tía Manuela insiste, “uns por outros, a casa sen varrer”.

Outros artigos

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...