A campaña “Compras con Corazón” pechou en Boiro cunha multitudinaria festa final e o sorteo presencial de 2.000 euros en premios

24 Maio 2026

A Asociación Boirense de Empresas (ABE) celebrou este sábado 23 de maio a gran festa final da campaña Compras con Corazón, unha iniciativa que durante as últimas semanas dinamizou o comercio local de Boiro premiando as compras realizadas nos establecementos asociados.

A Praza do Concello converteuse durante toda a tarde nun auténtico punto de encontro para familias, clientes e comerciantes, nun ambiente festivo que combinou música, actividades infantís, gastronomía e animación arredor do comercio local.

A programación comezou coa sesión musical das DJs Rasca e Pincha, que foron creando ambiente e animando continuamente ao público, recordando ademais os distintos momentos clave da xornada e a celebración do gran sorteo final.

Os máis pequenos puideron desfrutar durante horas dos inchábeis e da torre de escalada instalados para a ocasión, rexistrándose un total de 333 accesos aos inchables e 135 participacións na torre de escalada, uns datos que, segundo a ABE, “evidencian a elevada participación familiar ao longo da tarde”.

Outro dos momentos máis concorridos da xornada foi a degustación gratuíta de paella, da que se repartiron un total de 746 racións, contribuíndo a manter un ambiente moi participativo e familiar ata o inicio do sorteo.

Xa na recta final da tarde, o músico Mario Colomán tomou o relevo cunha actuación dinámica e moi participativa que serviu para incrementar a expectación ante o gran momento da noite.

Ás 21:00 horas deu comezo o esperado sorteo presencial dos 2.000€ en premios, conducido polo presidente da ABE, Daniel García, acompañado sobre o escenario por Mario Colomán, que foi introducindo diferentes intervencións musicais e momentos de humor entre extracción e extracción.

Na entrega dos premios tamén participaron o secretario da ABE, Santiago Cajaraville, o tesoureiro Suso Santamaría e a concelleira de Educación do Concello de Boiro, Carmen Silva, en representación do goberno local.

O sistema do sorteo realizouse de maneira pública e transparente mediante extracción directa das matrices das rifas depositadas polos clientes participantes durante a campaña. En total entregáronse catro premios de 250 euros e un gran premio final de 1.000 euros.

As persoas premiadas foron:

• Premio de 250€: María Rosa Rodríguez Tejerina

• Premio de 250€: José Antonio Gómez Ruiz

• Premio de 250€: Ana María García Blanco

• Premio de 250€: María Elena Ortiz Iglesias

• Premio final de 1.000€: Noemí Sánchez Places

Un dos datos máis destacados da campaña foi, en palabras da asociación empresarial boirense, “a elevada participación rexistrada no cambio de tíckets de compra por rifas, acadándose finalmente un total de 5.635 rifas introducidas no sorteo”.

Esta cifra tradúcese en máis de 100.000 euros en compras realizadas nos negocios locais participantes durante o desenvolvemento da campaña, uns datos que desde a ABE consideran “especialmente positivos tratándose dunha acción comercial de primavera”.

Desde a Asociación Boirense de Empresas tamén se destacou “a enorme afluencia de persoas tanto durante toda a tarde como especialmente no momento do sorteo final, que reuniu a preto de dúas mil de persoas na praza do Concello nun ambiente de auténtica festa colectiva arredor do comercio local”.

O presidente da ABE, Daniel García, mostrouse moi satisfeito coa resposta da veciñanza e destacou especialmente o ambiente vivido durante toda a xornada, sinalando que “ver a Praza do Concello chea de xente durante toda a tarde e especialmente no momento do sorteo é un orgullo enorme para todos nós”.

García recoñeceu que “era complicado igualar o impacto e a participación acadada o pasado verán nas campañas de agosto, pero esta festa demostrou unha vez máis que a xente responde cando se fan actividades pensadas para dinamizar Boiro e apoiar ao comercio local”.

O presidente da ABE tamén quixo agradecer “a implicación dos negocios participantes e, sobre todo, a resposta da veciñanza, porque ao final campañas como Compras con Corazón teñen sentido precisamente por iso: porque a xente participa, sae á rúa, compra no comercio local e fai vila”.

A entidade quixo agradecer especialmente a colaboración da Xunta de Galicia e o Concello de Boiro, do equipo técnico, das persoas participantes e de todas aquelas persoas que contribuíron a converter a festa final nun dos eventos de dinamización comercial con maior asistencia dos últimos anos.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...