
A Policía Nacional de Ribeira celebrou este venres 2 de outubro a súa festa patronal, o Día dos Anxos Custodios, patrón do corpo. Participou nos actos o xefe da comisaría ribeirense, Diego Amaya, acompañado das e dos alcaldes do Barbanza, incluíndo a María Sampedro, alcaldesa de Ribeira, José Ramón Romero, alcalde de Boiro, José Carlos Vidal, alcalde da Pobra, Luis Oujo, alcalde do Porto do Son, e Julio Alcalde, primeiro tenente alcalde de Rianxo. Tamén estiveron presentes os párrocos de Santa Uxía, Alfonso Mera e Sylvestre Marcel Ndongo.

A celebración do Día dos Anxos Custodios, programada a iniciativa da Policía Nacional, converteu a cidade en punto de encontro para as forzas e corpos de seguridade do Estado que prestan servizo na comarca. A xornada comezou cunha misa solemne na igrexa de Santa Uxía para, despois, trasladarse á Casa do Mar, onde se procedeu cun acto cerimonial no que se condecorou a tres axentes (Belén, Abraham e Pablo), ademais de recoñecer o labor da Unidade Pastoral de Ribeira como se encargou de anunciar o comisario ribeirense, Diego Díaz Amaya.

Durante a súa intervención, a rexedora María Sampedro destacou a vocación de servizo público, profesionalidade, entrega e compromiso coa cidadanía que demostran os axentes da Policía Nacional, polo que agradeceu que fagan posíbel que “Ribeira sexa un lugar no que as persoas poidan vivir, traballar, desfrutar e medrar con tranquilidade”.

Sampedro tamén manifestou que “vivimos nunha sociedade moi polarizada na que a seguridade e a convivencia son responsabilidades compartidas”. En consecuencia, reivindicou a necesidade de incrementar o número de efectivos e a creación de brigadas específicas fronte a determinados delitos. “Como alcaldesa quero expresar o compromiso do Concello de Ribeira para seguir traballando desde a colaboración e coordinación que nos identifican a través da nosa Policía local, coa Policía Nacional e co resto das Forzas e Corpos de Seguridade”, ratificou, xa que “cando falamos de seguridade, estamos falando de algo profundamente humano: de poder vivir sen medo”.




