A campaña “Compras con Corazón” despídese este sábado cunha gran festa final e o sorteo presencial de 2.000 euros

22 Maio 2026
Celebración final da campaña do ano pasado

A Asociación Boirense de Empresas (ABE) celebrará este sábado a gran festa final da campaña Compras con Corazón, unha iniciativa que durante semanas dinamizou o comercio local de Boiro premiando as compras realizadas nos establecementos asociados.

Segundo confirmou a ABE, a xornada final contará cun amplo programa de actividades gratuítas para todos os públicos e culminará co esperado sorteo presencial de 2.000 euros entre todas as rifas repartidas ao longo da campaña.

Durante todo o sábado estará habilitado o punto informativo situado diante do mercado para cambiar tíckets de compra por rifas. Ademais, durante a tarde tamén se poderán cambiar os tíckets na propia zona da festa final.

A programación prevista para o sábado inclúe actividades familiares, inchables, torre de escalada de máis de 10 metros, música con Rasca e Pincha DJs, concerto de Mario Colomán, reparto de máis de 400 racións de paella e diferentes sorpresas ao longo da tarde.

As actividades de inchábeis, a torre de escalada e a paella funcionarán mediante os chamados Vales Corazón, que os clientes poderán conseguir presentando os seus tíckets de compra no punto informativo habilitado pola ABE.

Como novidade, antes da celebración do gran sorteo dos 2.000 euros, a ABE gravará unha edición especial do concurso que estes días está a difundirse nas redes sociais da entidade. Nesta ocasión, os participantes deberán responder preguntas relacionadas con Boiro, para optar a un premio especial de 50 euros en vales de compra.

Dende a Asociación Boirense de Empresas fan un chamamento á veciñanza para participar nesta última fin de semana da campaña e seguir apoiando o comercio local de Boiro.

Datos a ter en conta

Festa final Compras con Corazón

Sábado 24 de maio dende as 17:30 horas

Praza do Concello de Boiro

Sorteo final presencial de 2.000€

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...