
Como vén sendo tradición dende hai 21 anos, a Asociación Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño vai organizar unha serie de actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado a Begoña Caamaño. O día grande será o propio domingo 17 de maio. Pola tarde, a partir das 16.30 h o Parque da Tasca e a Casa da Cultura de Aguiño acollerán inchábeis variados, monitorado con xogos populares e animación, música, xornada de debuxo infantil con agasallos conmemorativos das efeméride para todos os participantes, sorteos de lotes de libros en galego e a actuación das cantareiras de Bailadela e As Sete Linguas.
Ao rematar, sobre as 19:30 h, celebrarase espectáculo Don Gelati a cargo do mago Dani García. Tamén haberá auga e refrescos gratuítos para os cativos que asistan. A actividade será organizada pola entidade veciñal e cultural de Aguiño coa colaboración da Concellería de Cultura de Ribeira. Será unha iniciativa “totalmente gratuíta” e pódese asistir a calquera hora, “polo que convidamos a todas as nenas e nenos non só de Aguiño e Ribeira, senón de toda a contorna, a asistir, ao igual que en anos anteriores onde preto dun milleiro de persoas participan ao longo da xornada”, sinalaron dende a organización, lembrando que “todas as actividades querémolas facer no exterior, no Parque da Tasca, se o tempo o permite, e senón serán no interior da Casa da Cultura Manuel Ayaso, en Aguiño”.
Tamén o propio día das Letras Galegas, ás 13:00 h, actuarán As Sete Linguas da AFLM xunto a Bailadela, na praza de Porta do Sol en Ribeira, para conmemorar esta xornada e dentro da programación do Maio Cultural que organiza o Concello de Ribeira.
A Asociación Francisco Lorenzo Mariño informou tamén de que nos días previos ao 17 e “se o tempo o permite”, realizarase un novo mural en lembranza e homenaxe a Manuel Ayaso Dios, pintor local de Aguiño e Fillo Predilecto de Ribeira, do que o vindeiro 15 de maio fará tres anos do seu pasamento. Trátase da reprodución dun debuxo dos que el doou para a Casa da Cultura de Aguiño, pendente de escoller polos nenos/as que o van realizar, “seguramente de temática mariñeira e colorido”. A idea é poder ter o mural para o 15 de maio, ou en todo caso antes de rematar o mes, se a climatoloxía o permite.
Este mural, que se realizará na fachada do local parroquial de Aguiño, para o que a asociación conta coa colaboración da UPA Ribeira, será realizado por alumnado do CEIP Heroínas de Sálvora e enmárcase tamén no proxecto Samoira de muralismo urbano do Concello de Ribeira e sumarase ao realizado en 2024.
O mural pretende tamén lembrar a Lucía Rivas, a súa dona, da que tamén en xuño será o cabodano do seu pasamento, “en gratitude pola relación estreita que sempre mantivo coa nosa asociación e co colexio, aos que doou parte de material (papel, lapis de cores, pinceis, etc) de Ayaso, tras o seu falecemento, ademais de ceder os permisos para a reprodución dos seus debuxos nestes dous murais”, informaron dende a AFLM.




