A ARE “incendia” as redes cunha nova campaña viral: “En Rianxo non hai nada”

16 Maio 2026

A Asociación Rianxeira de Empresas (ARE) está a incendiar as redes sociais cunha nova campaña viral presentada baixo o lema En Rianxo non hai nada destinada a xerar debate sobre o presente e o futuro da vila e da súa contorna e sobre o papel que xogan veciñanza, administracións e empresas no destino rianxeiro: un papel que será máis positivo canto máis colaboración haxa e canto máis se asente e fortaleza a necesidade de traballar en clave de proximidade. Segundo confirmou a ARE, a peza viralizouse en cuestión de horas acumulando centos de interaccións e compartidos nas redes sociais.

A frase

A ARE escolleu o lema En Rianxo non hai nada porque é “unha frase escoitada durante anos no municipio e que agora se converteu nunha das publicacións máis comentadas das redes sociais da Asociación Rianxeira de Empresas (ARE)”.

A peza, difundida pola entidade este venres 15 de maio, viralizouse en cuestión de horas acumulando centos de gústame nas redes, comentarios e compartidos, ademais de provocar reaccións de veciños, comerciantes e entidades locais.

A publicación parte dunha realidade coñecida por boa parte da veciñanza: comentarios como “vou mercar a Boiro”, “en Rianxo non hai ambiente” ou “aquí non hai nada” . A partir desa idea, a ARE busca facer reflexionar sobre como os hábitos de consumo tamén inflúen na vida dos pobos, no movemento das rúas e na supervivencia do comercio local. Detrás da idea atópase Carla da Silva, publicista e responsábel de comunicación da ARE, quen apostou por utilizar unha das frases máis repetidas no municipio para xerar impacto emocional e abrir conversas arredor do futuro do comercio local. “Sabía que era unha frase que podía calar na xente porque, se algo caracteriza aos rianxeiros e rianxeiras, é que defendemos o noso” , explica Carla.

A peza

A peza utiliza imaxes de negocios pechados recreadas dixitalmente —os establecementos continúan abertos— para representar visualmente como sería un Rianxo sen comercio, sen movemento e sen vida nas rúas. A publicación remata cunha mensaxe directa: Rianxo vive se TI decides quedarte. A repercusión foi tal que diferentes entidades locais tamén se sumaron á conversa. Entre elas, o Festival Rock in Rian destacou nas redes sociais que boa parte da vida cultural e da programación do municipio sería imposíbel sen o apoio do tecido empresarial local.

Desde a ARE sinalan que o obxectivo da publicación non é xerar polémica, senón poñer sobre a mesa unha realidade: detrás de cada negocio local hai persoas apostando cada día por manter vivo o pobo.

Podemos ver a campaña no Facebook da ARE, e tamén no Instagram.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...