A AECC na Pobra do Caramiñal celebra o 14 de xuño a súa andaina solidaria contra o cancro

28 Maio 2026

A Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro na Pobra do Caramiñal celebrará o vindeiro 14 de xuño, ás 10:00 horas, a andaina solidaria A Pobra do Caramiñal en marcha contra o cancro, unha iniciativa aberta a toda a veciñanza coa que se busca fomentar a participación social e amosar apoio ás persoas con cancro e ás súas familias.

A actividade, que ten o respaldo do Concello da Pobra, contará con dous percorridos adaptados a diferentes públicos e niveis. Haberá unha ruta de 11 quilómetros, para as persoas habituadas a camiñar, e outra de 6 quilómetros, pensada para familias, nenos e nenas ou persoas que prefiran realizar un traxecto máis curto.

Inscricións abertas

O prezo da inscrición será de 5 euros para persoas adultas e de 3 euros para nenos e nenas de ata 12 anos. Ademais, cada participante recibirá un dorsal personalizable no que poderá escribir unha dedicación especial ou unha mensaxe de apoio á loita contra o cancro.

As inscricións poden realizarse presencialmente en Farmacia María Abeijón, Farmacia Tato, Farmacia Elsa Peñaranda Martínez, Farmacia Manuela Barrosa, Atmósfera Sport Maniotas/ Sportmoda, Muebles Lijó, Don Tacón e nas mesas informativas da Asociación Española Contra o Cancro situadas nos Xardíns Valle-Inclán os mércores e sábados de 11.00 a 13.30 horas e domingos de 11.30 a 14.00 horas.

Tamén se poden realizar en liña na páxina web da iniciativa En Marcha Contra El Cáncer.

Antes do inicio da andaina, a praza Alcalde Segundo Durán será amenizada coa actuación do alumnado de Boa Vibra Academia. Unha vez rematada a andaina, desenvolverase unha actividade infantil pola Clínica Dental Doutor Gonzalo López Castro e unha actuación altruísta de DJ Jalaiko.

Dende a Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro na Pobra do Caramiñal agradecen ademais a colaboración de Fabri-SEFORGASA pola de froita do avituallamento, así como o apoio de todas as persoas, entidades e empresas que están colaborando de maneira altruista nesta iniciativa solidaria.

Unidos cos pacientes e coa investigación oncolóxica

A AECC da Pobra explica que “participar nesta actividade é unha forma sinxela de apoiar ás persoas que están a atravesar un cancro” e que “grazas a iniciativas como esta andaina solidaria, en 2025 a Asociación Española Contra o Cancro puido acompañar a máis de 2.600 persoas na provincia da Coruña, ofrecéndolles de maneira totalmente gratuíta apoio psicolóxico e social, así como servizos de logopedia, nutrición ou fisioterapia”.

A recadación obtida contribúe ademais a financiar novos proxectos científicos e a seguir impulsando avances fronte ao cancro. Na provincia da Coruña, a Asociación conta actualmente con 38 proxectos activos, cun investimento que supera os 5,3 millóns de euros, e só en 2025 destináronse máis de 1,3 millóns de euros ao impulso de novas investigacións e ao apoio do talento científico.

A presentación

Os detalles da iniciativa déronse a coñecer este xoves 28 en rolda de prensa, nunha cita cos medios na que participaron representantes da asociación e a concelleira Estefanía Ramos, en representación do Concello da Pobra do Caramiñal.

Lembraron que a saída será ás 10.00 horas dende a praza Alcalde Segundo Durán e que a iniciativa contará con dous percorridos adaptados a diferentes niveis: unha ruta longa de 11 quilómetros e unha andaina mini de 6 quilómetros.

As persoas interesadas poderán inscribirse por un prezo de 5 euros no caso das persoas adultas e de 3 euros para nenos e nenas de ata 12 anos. Tamén se habilitou un dorsal solidario para colaborar coa causa sen necesidade de participar na proba.

Con esta actividade búscase promover hábitos de vida saudábeis e continuar apoiando a investigación e os servizos de acompañamento ás persoas con cancro e ás súas familias.

Outros artigos

En Rianxo abren as inscricións do Campamento de Teatro Verán 2026

O Concello de Rianxo informou de que están abertas as inscricións para o Campamento de Teatro Verán 2026, que inclúe unha manchea de actividades formativas e de lecer para permitir ás mozas e mozos "desfrutar dun verán diferente" ao tempo que desenvolven e sacan á luz...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caldaloba”, de Xosé Otero Canto”. Xulio Xiz

“Caldaloba”, de Xosé Otero Canto”. Xulio Xiz

Tiven a honra de presentar o acto que en Cospeito se celebrou arredor de  “Caldaloba”, drama histórico en verso do poeta e profesor Xosé Otero Canto.        Foi, á vez, un placer inmenso estar en Cospeito, rodeado de amigos que saben,  eu que só poido intuir e sentir...

“Caldaloba”, de Xosé Otero Canto”. Xulio Xiz

“Ofrenda” – Xulio Xiz

Celebrouse unha nova Ofrenda solemne do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado na Catedral de Lugo. Cumpríronse 357 anos da súa institución, e cada ano as sete cidades do antigo Reino, seguen a xuntarse en Lugo – corazón do país – para honrar ao Santísimo e...