O sábado 25 de abril a entidade ambiental Verdegaia organiza unha ruta no Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, un dos seis parques naturais da nosa terra, que conta cun extenso sistema dunar de gran valor natural no que a duna móbil é un dos maiores atractivos: ademais de estar en constante movemento, é a máis grande do noroeste peninsular con 1 quilómetro de longo, 250 metros de ancho e 15 metros de alto.
Amais de para coñecer as características principais da duna, a ruta tamén servirá (entre outras cousas) para contemplar a ave máis representativa deste espazo natural: a píllara das dunas. Aproveitando que está en tempada de reprodución, observaranse as técnicas que o Parque leva a cabo para protexer esta especie catalogada como vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas.
A andaina será este sábado 25 de abril, de 10:30 a 13:30, sendo o punto de saída o estacionamento da praia de Vilar (Ribeira) – 42°33’09.5″N 9°01’38.4″W. A dificultade será baixa e o itinerario de catro quilómetros. Haberá prazas limitadas: 25 persoas.
O guía será o experto Antom Fortuna.
A inscrición é gratuíta pero obrigatoria en info@verdegaia.org, indicando o nome de cada persoa, especificando se algunha é menor de 14 anos, e un número de teléfono.




