Proseguen as reivindicacións da Plataforma pola Sanidade Pública do Barbanza cun peche indefinido (e con quendas nocturnas incluídas) no hospital comarcal

23 Abril 2026

E proseguen as reivindicacións da Plataforma pola Sanidade Pública do Barbanza, que se concentrou esta semana no hospital comarcal para denunciar “as prolongadas demoras na agarda en atención especializada” e esixir unha xuntanza co xerente da Área Sanitaria e co director do Hospital do Barbanza. As mobilizacións derivaron nun peche indefinido, con boa parte das e dos participantes pasando a noite deste mércores e a madrugada do xoves no centro hospitalario.

Ao mesmo tempo, recollen apoios (sinaturas) nas súa reclamacións e fan un chamamento veciñal á participación.

O peche comezou este martes a xeito de concentración matinal de seis horas e prolongouse logo coas quendas do peche indefinido. Acordouse amplificar as reivindicacións ante “o silencio respecto da petición dunha reunión”. Segundo advertiu a plataforma a primeira hora deste xoves, o peche “continuará até que se reúnan co xerente da área sanitaria e co director do hospital para falar das listas espera reais e como abordar a súa dimensión”.

Na protesta participan diversos representantes políticos do Barbanza, como o alcalde da Pobra, José Carlos Vidal (Nós Pobra) e a segunda tenente alcalde da Pobra, Patricia Lojo (PSOE).

Tamén o BNG mostrou o seu firme apoio a estas reivindicacións, a través do ex-alcalde ribeirán Luís Pérez Barral, que denunciou “a situación límite da nosa sanidade con demoras inasumíbeis nas consultas de especialistas causadas pola falta de persoal médico e do desmantelamento progresivo da sanidade pública”. Dende o grupo esixen “transparencia nas listas de espera, que non suman todos os datos que posúe a Consellería de Sanidade para vender á poboación unha imaxe falsa de estabilidade e eficacia na Administración sanitaria”.

Pérez Barral sumouse á estadía indefinida no hospital “xunto a compañeiras e compañeiros do Bloque e outra moita xente comprometida coa defensa da sanidade pública”. Mostrou o seu convencemento de “que esta mobilización, feita desde a xente, é o camiño para conseguir melloras no servizo galego de saúde. A forza da veciñanza é a que move todo isto, e será esa mesma forza a que arranque as melloras que a nosa sanidade precisa”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...