“Polo Miño, navegando”. Luís Celeiro

05 Abril 2026

No verán de 1985, catro mozos, de entre 21 e 23 anos, navegando en dúas canoas, emprenderon
unha ruta fermosa, dende o nacemento do Miño ata a súa desembocadura. Eran Carlos Carrera,
Rafa Cid, Juanjo Otero e Xurxo Estévez. Fixérona con traballo, con esforzo, con fame, con medo, ás
veces, e con alegría, con moita alegría e cansazo. Construíron as canoas, transportáronas a Meira e
comezaron a ruta fluvial, despois de estudala e da súa planificación, con todo o rigor necesario e coa
axuda de Santos González, que abandonou o proxecto por mor dun contrato de traballo.
O Miño é o pai dos ríos galegos. Segundo Xerardo Neira, “o río de ríos”, con afluentes importantes e
caudalosos, con auga mansa que vai regando o territorio ao longo de 317 Km. Aqueles mozos
navegantes anotaban nunha libreta a súa descrición das belezas coas que se atopaban, escribían da
inigualábel riqueza da vexetación nas ourelas, das árbores maxestosas, das leiras, dos prados, dos
ríos e regatos, que coas súas augas agrandaban o caudal do Miño grande.
Os homes de cada lugar andaban en roga gadañando naquelas ladeiras. Entre todos, cada un co seu
liñó, facían un debuxo que namoraba a quen o miraba. Doutro lado do río, un home cun arado
romano e unha xugada de vacas araban nunha leira onde xa segaran a ferraña. O home ía agarrado á
rabela do arado e diante, chamando ás vacas, ía un neno constipado e coa cabeza tapada cun
mantelo tecido por Severina, a avoa paterna.
Cando chegaban, paraban e buscaban a forma de saltar cada un dos encoros, os enormes encoros
que anegaron tanta terra, tanta casa e tanta vida. E tanta fonte, onde as mulleres lavaban a súa
roupa e a dos homes, a dos nenos da escola e a dos maiores que xa non podían levantarse da cama.
Ringleiras de mulleres con cadansúa tina de zinc na cabeza, por riba dunha rodela de herba, de
fieitos ou de trapo.
Agora, neste ano, os mesmos navegantes van contalo todo, dende o principio ao final. O que fixeron,
o que viron, o que sufriron e o que gozaron coñecendo o mundo do río máis importante de Galicia.
Todo estará á vista nunha exposición que recorrerá cidades e lugares, recordándolle á xente a
vitalidade, a mobilidade e a riqueza das augas do Miño, do “río que nos move”.
A Tía Manuela está con eles e envíalles moitos parabéns.

Outros artigos

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

+

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...