O Concello de Padrón abrirá este luns, 4 de maio, o prazo de inscrición para participar no programa Concilia Verán 2026, unha iniciativa pensada para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante os meses de verán.
A actividade desenvolverase no CEIP Flavia e está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 16 anos, cun horario de 7.45 a 15.15 horas, adaptado ás necesidades das familias.

O programa estrutúrase en tres quendas: do 1 ao 15 de xullo e do 16 ao 31 de xullo, con 55 prazas cada unha, e unha terceira do 1 ao 14 de agosto, con 15 prazas. O custo será de 60 euros por participante e quenda.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 11 de maio e poderá formalizarse no edificio de Servizos Sociais, no Rexistro municipal ou a través da sede electrónica do Concello.
Concilia Verán 2026 ofrecerá unha programación variada que combina actividades educativas e de lecer, como excursións á praia e á piscina con transporte incluído, festas da espuma e holi, xornadas con inchables de auga, unha noitada nocturna e diversos obradoiros creativos.
Desde o Concello destacan que este programa constitúe unha ferramenta clave de apoio ás familias, ao tempo que ofrece á infancia unha alternativa de lecer segura, educativa e de calidade durante o período estival.





