
O Partido Popular de Padrón celebrará o sábado día 25 de abril no Hotel Scala, a partir das 12.30 horas, o seu Congreso Local, convocado co lema Centrados no importante e no que se elixirá o comité executivo que dirixirá o partido na capital da comarca do Sar nos vindeiros anos.
A celebración deste Congreso Local foi acordada o pasado día 16 de marzo polo comité executivo provincial do PP da Coruña, que designou un comité organizador do congreso formado por Carmen Lois Ferrón (presidenta), Diego Manuel Pardal Moreiras (vicepresidente), Ángel González Lens (secretario) e Yésica Rosales Dios e José Ramón Pardo Barreiro (vogais).
O comité organizador do congreso informa que, unha vez pechado o prazo de presentación de candidaturas, o actual voceiro do grupo municipal e deputado autonómico, Ángel Rodríguez Conde, foi o único afiliado que presentou a súa candidatura á presidencia local, superando ademais o número de avais requeridos.
Ángel Rodríguez Conde (Padrón, 1971) é bombeiro forestal xefe de brigada desde o ano 1994. Foi concelleiro en Padrón entre 2015 e 2021, sendo primeiro tenente de alcalde entre 2017 e 2021 con Antonio Fernández Angueira como rexedor.
Na dita etapa, Rodríguez Conde xestionou áreas domo Saúde Pública, Deportes, Protección Civil, Emerxencias, Tráfico e Seguridade, Persoal e Festexos. A partir de 2021 traballou na Dirección Xeral de Defensa do Monte da Xunta de Galicia ata a súa toma de posesión como deputado do Grupo Popular no Parlamento de Galicia en xuño de 2023. Volveu saír elixido deputado autonómico en 2024, cargo que compatibiliza co de voceiro do Grupo Municipal do PP de Padrón desde o ano pasado. Está casado e ten unha filla.



