
O Concello de Muros compartiu coa cidadanía e cos medios un comunicado no que quixo saír ao paso da información publicada nos medios de comunicación na que se informa de que o TSXG condena á Administración local por “expoñer a riscos a unha traballadora municipal”. No comunicado o Concello achega unha serie de matizacións e datos clarificadores sobre o dito caso, comezando por declarar que “o motivo da condena é por carecerse a nivel municipal dunha avaliación de riscos psicosociais, un documento que debe estar incluído no Plan de Prevención de Riscos Laborais do concello”.
Así, indican que a Lei de prevención de riscos laborais é do ano 1995, polo que “temos que asumir e asumimos o erro de non ter revisado o Plan de Prevención de Riscos Laborais do concello nada máis entrar no Goberno, no verán de 2023”.
Porén, o Concello declara que unha vez detectado que a Administración local carecía deste plan de prevención, obrigatorio por lei, “puxémonos a traballar nel” e “a día de hoxe está en fase de elaboración”.
No comunicado faise saber que esta será a primeira vez que o Concello de Muros conte cunha avaliación de riscos psicosociais completa, especifica para cada área e coa participación do persoal municipal, “pese a que desde o ano 2010 a Inspección de Traballo está sendo insistente con este tema en todas as administracións”.
E engaden: “Non podemos permitir que a falta dunha ferramenta tan necesaria impida o correcto funcionamento de todos e cada un dos departamentos deste Concello. Este Goberno ten un compromiso claro cos dereitos laborais de todos os traballadores e traballadoras do concello. É un tema demasiado serio como para tomalo á lixeira”.
Cabe lembrar tamén, en respecto a todo proceso xudicial, que a sentenza non é firme.
A respostas do PP
Pola súa banda, a voceira popular, Inés Monteagudo, pide o “cesamento inmediato do concelleiro de Servizos Sociais e a reprobación da alcaldesa”. Tamén lle reclama ao Concello que “acate de forma inmediata a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) na que condena ao Concello de Muros por vulnerar os dereitos fundamentais dunha traballadora”.
Segundo os populares, “a condena vén imposta ao considerar a sala acreditado que o concelleiro de Servizos Sociais do Concello de Muros enviou á traballadora demandante a entrar nunha casa dun toxicómano, o que supuxo para esta persoa un risco grave, e todo elo carecendo o Concello das medidas de prevención necesarias”.
Os populares sinalan tamén que “a sentencia recolle que tampouco houbo cumprimento das medidas a posteriori, xa que foi a propia inspección de traballo a que instou ao Concello a realizar un plan de prevención de riscos psicosociais”.
“Estamos a falar dunha conduta moi grave, toda vez que con esa decisión a traballadora viviu unha situación de risco grave e inminente para a súa seguridade física e mental”, apuntou Monteagudo.
Lonxe de quedarse en reclamar que o Concello de Muros acate a sentenza, os populares, co apoio do concelleiro do partido independente Muros Centrado, Manuel Lago, esixen tamén “a dimisión inmediata do concelleiro de Servizos Sociais”. De non producirse, din, “esiximos que desde Alcaldía se lle retiren todas as competencias delegadas que ten outorgadas”, indicou a voceira popular.




