O paseo marítimo de Rianxo vai ser obxectivo de máis melloras en materia de sustentabilidade e eficiencia enerxética.
Melloras que prolongarán os traballos iniciados no mes de maio, cando o Concello levou a cabo as obras da primeira fase do proxecto para o cambio das luminarias do paseo marítimo. “Renovamos o tramo comprendido entre Setefogas e A Carballeira instalando unhas luminarias de maior eficiencia enerxética”, explicou o alcalde, Julián Bustelo, engadindo que nos vindeiros días acometeranse as obras da segunda fase, o tramo comprendido entre A Carballeira e a praia do Pazo, aproximadamente.
Ademais, o Concello recibiu a resolución favorábel da Deputación da Coruña para iniciar o trámite de licitación da terceira e última fase do proxecto.
“Así as cousas e se non xurde ningún imprevisto, o vindeiro inverno teremos cambiada toda a iluminación do paseo marítimo”, engadiu o rexedor, apuntando que “ademais, xa aprobamos dous proxectos para comezar o antes posíbel co cambio de firme de toda a zona que na actualidade está empedrada. Estes dous proxectos suman un investimento total de 457.024,26 euros”.




