O Bruón Folk Fest soará con forza na parroquia ribeirense de Artes no 8 e 9 de maio

22 Abril 2026

A parroquia de Artes converterase en epicentro do folclore galego co Bruón Folk Fest que se celebrará do 8 ao 9 de maio, a carón do centro recreativo da parroquia.

Segundo lembraron os organizadores na presentación da cita, esta xurdiu das foliadas ata evolucionar ao formato no que se desenvolve actualmente e toma o nome da lenda do boi que sobreviviu ao asolagamento do núcleo de Valverde, baixo a lagoa de Carregal, entre Artes e Olveira: un boi que é, en realidade, un mouro encantado ao que aínda se pode escoitar bruar pola contorna.

“O Bruón Folk Fest pon o foco na música e baile tradicional galego, descentralizando a actividade do centro neurálxico do municipio para levalo tamén ás parroquias. Artes volverá facer honor ao seu nome ao longo de dúas xornadas onde o noso folclore será o gran protagonista, pero onde tamén haberá oco para mesa redonda, parladoiro, obradoiro, demostracións de artesanía e moito máis. E, nesta terceira edición, tamén estarán presentes figuras de renome como Mondra e Luis Prego. Esencia galega en estado puro”, segundo manifestou a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, na compaña do concelleiro de Festexos, Fernando Abraldes, e a súa homóloga de Cultura, Ana Barreiro.

Tamén tomou a palabra o secretario da Asociación Cultural Os Liantes, Ventura Otero, para debullar o contido do cartel, quen estaba xunto ao presidente da entidade, Pablo Silva, e a vogal, María Cortés.

A programación da terceira edición deste festival que fará tamén “bruar” aos asistentes concentrarase en dúas xornadas. Arrancará no venres, 8 de maio, ás 20.00 horas, para dar paso a unha mesa redonda con Nel Vidal, Mateo Vázquez e Alicia Padín, ás 20.30 horas, sobre o eco das crónicas e do bronce, letras e sons que transmiten e comunican coa súa propia linguaxe. A noite estará amenizada por Liantes e amigos, e, como broche de ouro a este primeiro día, o rito da queimada fundirase coa enerxía do grupo ourensán Five Pipers. Nesta xornada tamén se estreará a feira; un escaparate de pezas de coiro, madeira e ilustración galega.

O groso das actividades terá lugar no sábado, 9 de maio, ao longo de todo o día. Para o público infantil e familiar proxéctase o Bruonciño, ás 11.00 horas, cun espazo dedicado en exclusiva aos máis pequenos; parladoiro con Mondra, ás 12.30 horas; os espectáculos de Ce Pantasma, ás 13.30 e 18.30 horas; a actuación de Pakolas, ás 16.00 horas; e un taller pedagóxico con Paula Pérez, ás 17.00 horas, onde se unen creatividade e inclusión para aprender a través do xogo.

Tampouco faltarán as demostracións de forxa e cerámica, ás 12.00 horas, así como a sesión vermú con Requinta de Lampai, ás 14.30 horas, un momento social con gastronomía e música para gozar do mediodía.

E, xa pola tarde, terá lugar o Ti si que Bruas, ás 17.10 horas, para o cal o escenario abre as súas portas ao talento espontáneo da xente; e o obradoiro de baile con Luis Prego, ás 19.30 horas, dirixido a tódolos niveis e onde xa se irán preparando os pés para o baile que virá cos concertos da noite.

Faltriqueira, Ardentía e Ramalleira farán vibrar o festival coa súa música ás 21.00, 22.30 e 00.00 horas, respectivamente, para despedir a terceira edición coas voces soando ao unísono interpretando o Himno Bruón, ás 01.30 horas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...