O BNG de Carnota denuncia o “progresivo desmantelamento” do servizo sanitario no concello

23 Abril 2026

O BNG de Carnota vén de emitir un comunicado no que denuncia o “progresivo desmantelamento” do servizo sanitario no municipio, logo da recente decisión da Xunta de eliminar as consultas médicas que viñan desenvolvéndose no centro de saúde os sábados pola mañá. Os nacionalistas din que “a localidade tamén leva dous anos sen pediatra e as familias teñen que desprazarse ata Muros para que as súas crianzas sexan atendidas por un especialista” e sinalan que a dita decisión da Consellería de Sanidade “enmárcase nos cambios decididos polo Goberno galego para os Puntos de Atención Continuada (PAC), e que quedaron definidos nun decretazo que agrava a situación do sistema sanitario público”.

As medidas, sosteñen, “implicarán a variación nos horarios de atención, incluíndo o peche de centros de saúde que ata o de agora abrían os sábados”. Segundo explicou a formación nacionalista, “isto obrigará a moitas persoas a desprazarse a outros puntos asistenciais máis afastados dos seus domicilios, como ocorre no caso dos pacientes do centro de saúde de Carnota, que terán que ir ata o PAC de Muros para ser atendidos”.

O dirixente do BNG de Carnota, e candidato á alcaldía para as vindeiras eleccións municipais, Primitivo Pedrosa, manifestou que “o Partido Popular recorta cada día máis os servizos públicos, como os da sanidade en Carnota; énchese a boca de dicir que apoian ao rural, pero a este paso imos quedar catro neste pobo, porque a xente marcha para onde hai servizos”.

Pedrosa afirmou que “a veciñanza está farta de ver como a Xunta está deteriorando a sanidade e quitando recursos á atención primaria”, e indicou que “cada visita de Alfonso Rueda a Carnota conleva a perda de servizos; hai dous anos quitáronnos o pediatra, e agora eliminan a atención sanitaria os sábados. Case mellor que o presidente da Xunta se quede en Santiago de Compostela”.

Ademais, o representante do BNG carnotá criticou que o Concello “non teña informado dos cambios na xestión sanitaria realizados polo Goberno galego” e engadiu que “é incomprensíbel que o Goberno municipal non se preocupe por un servizo tan importante para os veciños e veciñas de Carnota”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...