Entidades ecoloxistas piden á Xunta que suspenda o concurso de pesca do salmón no Ulla

23 Abril 2026

As entidades ecoloxistas galegas emitiron un comunicado conxunto, a través de ADEGA, no que reclaman á Xunta que “suspenda o concurso de pesca de salmón do Ulla”, organizado pola Sociedade Deportiva Río Ulla en varios cotos do dito curso fluvial.

Recentemente, ADEGA, AEMS, FEG, SGHN e Asociación Lobo propuxeron a inclusión das poboacións galegas de salmón atlántico (Salmo salar) no Catálogo galego de especies ameazadas (CGEA), coa categoría “En perigo de extinción”.

A Xunta, a través da Orde de 11 de decembro de 2025 que establece as normas para a pesca continental na actual tempada, vedou o salmón en todos os ríos galegos dado o catastrófico estado das súas poboacións, mais mantivo como única excepción á súa captura o dito campionato de pesca en catro coutos do río Ulla.

Para as entidades, “a celebración deste evento, prevista para o vindeiro 10 de maio, é manifestamente incompatíbel co obxectivo de recuperar unha especie no limiar da extinción e resulta incoherente e acientífico permitir esta excepción”.

Lembran que o Decreto 88/2007 do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo Galego de Especies Ameazadas, establece no seu art. 7, liña 6, a posibilidade de adoptar medidas cautelares para o caso dun procedemento aberto de catalogación dun taxón, como ten acontecido salmón atlántico. “Xa que logo e tendo en conta a norma”, engaden, “solicitamos a suspensión cautelar para o salmón do campionato de pesca previsto para o mes de maio no Ulla, así como de calquera outro evento deportivo no que se capture esta especie, mentres non conclúa o procedemento de inclusión no CGEA”.

Os representantes ecoloxistas no Observatorio Galego da Biodiversidade solicitan tamén unha convocatoria extraordinaria deste organismo para informar sobre as propostas de catalogación das poboacións galegas de salmón atlántico recentemente presentadas.

“Sería desexábel tamén que a Xunta agardara ao pronunciamento deste organismo consultivo, que ten a función de informar sobre a catalogación, descatalogación e cambio de categoría das especies de fauna e flora galegas, antes de permitir calquera aproveitamento discreto”, sinalan.

Outros artigos

O Concello de Ribeira reivindica o Orgullo con música e cine

O Concello de Ribeira celebrará o Día do Orgullo 2026 cunha completa axenda na que, ademais do acto institucional, non faltarán outras de carácter lúdico. Na presentación, a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, xunto á concelleira de Igualdade, Ana Barreiro, e a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...