
O Concello de Dodro celebrará un ano máis o Día do Libro levando a lectura e a posibilidade de ler aos locais de hostalería do municipio. Un proxecto local impulsado desde o Concello e a Biblioteca municipal, e tamén aos establecementos de Dodro.
O Día do Libro é unha data creada pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) que se conmemora o 23 de abril. Ese día tivo lugar o pasamento, ou o enterramento, de escritores da talla de Cervantes, Shakespeare ou Inca Garcilaso de la Vega. A data coincide tamén co nacemento ou o pasamento de outros autores universais como Teresa de la Parra, Maurice Druon, Haldor K.Laxness, Vladimir Nabokov, Josep Pla, Manuel Mejía Vallejo ou William Wordsworth
A iniciativa CafeLibros naceu baixo a premisa de que calquera lugar ou escenario é bo para acompañarse e desfrutar dun libro, e polo tanto dunha boa lectura. Con esta intención, durante os meses de abril e maio, a Biblioteca Pública Municipal de Dodro cede en préstamo a cada establecemento unha escolma de lecturas en galego e castelán, de xénero e temática variada e para distintas idades.
Un xeito de impulsar a lectura pero tamén a relación entre a hostalería e os servizos públicos, como en este caso a Biblioteca. O Concello de Dodro impulsa a iniciativa non só como fomento da lectura, tamén “como xeito de unir á veciñanza, a oferta lúdica privada e a pública arredor da cultura”.



