A empresa pobrense CONGALSA, referente galego e estatal en alimentación con produtos do mar, pon en valor o seu compromiso coa cultura galega e coa promoción da lectura entre as novas xeracións a través dunha iniciativa enmarcada na celebración do Día das Letras Galegas 2026, dedicado este ano á xornalista e escritora viguesa Begoña Caamaño. Así, en colaboración co Concello da Pobra do Caramiñal, a compañía adquiriu 200 exemplares do libro Bego e o mundo do revés, da autora Iria Collazo e con ilustracións de Alba Stinson.

Esta obra achega ao público infantil a figura de Begoña Caamaño a través da súa infancia, destacando o seu particular modo de percibir o mundo e a súa paixón pola lectura e pola narración de historias, cun relato narrado coa forza das mellores aventuras infantís.
A través desta acción, CONGALSA fixo chegar os libros editados por Galaxia a escolares do municipio, impulsando o coñecemento da autora homenaxeada e o gusto pola lectura desde idades temperás.
Chaves invisibles
Como complemento a esta iniciativa, o Teatro Elma da Pobra do Caramiñal acolleu este mércores 8 de abril, ás 11.30 horas, a estrea do espectáculo para público escolar Chaves invisibles, dirixido a alumnado de 8 a 12 anos de dous centros educativos do municipio: o CEP Plurilingüe Pilar Maestu Sierra e o CEP Plurilingüe Salustiano Rey Eiras. A función, baseada na obra de Iria Collazo, contou coa participación da narradora oral Vero Rilo e do músico Luis Iglesias.
Chaves invisibles convida o público a mergullarse no universo literario de Begoña Caamaño a través dunha proposta escénica que combina narración e música. Un espectáculo que celebra a lectura como un espazo de liberdade, onde cada historia é unha chave e cada nena ou neno é quen a fai xirar.
Unha previsión de 30 representacións
A obra estreada este mércores no Teatro Elma vai ser representada por todo o territorio galego, cunha previsión de 30 pases ao longo do ano. Esta primeira función na Pobra foi unha realidade grazas á colaboración entre CONGALSA e o Concello da Pobra.

“Con esta iniciativa, reforzamos o noso papel como axentes dinamizadores da cultura na nosa contorna, unha das liñas de acción nas nosas políticas de responsabilidade social corporativa”, sinalou Isabel Cañas, directora de Relacións Externas da compañía pobrense.
En representación do Concello da Pobra acudiron á estrea o alcalde, José Carlos Vidal, e a concelleira de Cultura, Patricia Lojo. Por parte da Editorial Galaxia desprazáronse ata o Teatro Elma Arturo Ponte e David Cortizo, delegados comerciais, e María Pereira, directora de Merlín Comunicación.




