O Auditorio da Biblioteca Municipal “Victoriano García Martí” do Concello da Pobra do Caramiñal (rúa Castelao, 25, 2º) vai acoller o vindeiro venres 24 de abril a presentación do libro Pontealbar, de Adrián Noia. A cita literaria será ás 20.30 horas e estará organizada pola Asociación Cultural Barbantia, o xornal La Voz de Galicia, a Editorial Galaxia e o propio Concello de Pobra do Caramiñal.

Intervirán Milagros Torrado, secretaria da A. C. Barbantia, Ánxela Gracián, escritora, Andrea Mosteiro, filóloga, Adrián Noia, autor da obra, e Patricia Lojo, concelleira de Cultura da Pobra do Caramiñal.
Dende Barbantia informan que ao día seguinte, sábado 25 de abril, sairá do prelo o suplemento cultural A Voz de Barbantia número 214 conxuntamente con La Voz de Galicia.
Sinopse
A vida de Pedro de Pontealbar muda cando descobre que a fin do mundo está preto por culpa dun pacto entre o conde Albar e unha misteriosa criatura lendaria, o Demo da Serpe. A pantasma de Marcela, vítima da crueldade do conde, aparece para encomendarlle a Pedro a salvación da súa aldea antes de que sexa demasiado tarde.
Comeza así unha aventura por un mundo indescritíbel situado no val do Río Grande, onde o protagonista encontrará unha chea de criaturas que o axudarán a lograr o seu propósito.
Co apoio do mítico Vento do Bosque, Pedro rematará por aceptar que o seu destino estaba xa escrito desde antes de que nacese.
O autor
Adrián Noia (Santiago de Compostela, 2001) graduouse en Lingua e Literatura Españolas na USC, traballou como auxiliar de conversa do Ministerio de Educación en Lisboa e foi bolseiro de biblioteconomía na Biblioteca de Galicia. Comezou a escribir durante a adolescencia, gañou os certames A Pipa de Becerreá (2016) e Terras de Chamoso do Corgo (2017) na categoría xuvenil. É autor de O país dos raposos (2022, II Premio de Novela Curta do Xuventude Crea 2021) e de A terra leve (2024). Colaborou na antoloxía Scripta manent: 50 anos de memoria e palabra, da Facultade de Filoloxía da USC e publicou artigos nas revistas Eduga e Viñetas BD. Partilla a súa actividade literaria en (@adriannoia) e na páxina web adriannoia.gal.





