A Deputación da Coruña organiza o vindeiro 13 de maio o IV Encontro de Axentes de Igualdade, unha cita que “procura consolidarse como un espazo de referencia para o encontro, a reflexión e o impulso das políticas públicas de igualdade no ámbito local”, en palabras da institución provincial, que engade a cita desenvolverase en horario de 9:30 a 14:30 no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, en Santiago de Compostela, e reunirá persoal técnico de entidades locais implicado no deseño, desenvolvemento e avaliación de políticas de igualdade.

Nesta cuarta edición, o encontro sitúa no centro o reto de avanzar cara ao deseño dunha Rede Provincial de Concellos pola Igualdade e a Diversidade e contra as violencias machistas e LGBTIfóbicas, apostando polo traballo colaborativo e a construción colectiva.
Entre os seus obxectivos destacan o fomento do diálogo e do coñecemento mutuo entre profesionais, a aprendizaxe compartida a partir de experiencias inspiradoras e o impulso dun proceso participativo de codeseño que permita sentar as bases desta futura rede provincial.
O programa combina espazos de participación co achegamento a iniciativas de referencia no ámbito estatal e galego. Así, a conversa inspiradora contará coa participación de diversas expertas que compartirán experiencias de traballo en rede con traxectorias consolidadas.
Eukene de Miguel, técnica asesora en políticas de igualdade en EUDEL, presentará a experiencia de Berdinsarea, unha rede municipal pioneira no País Vasco que leva anos articulando o traballo coordinado entre concellos en materia de igualdade.
Pola súa banda, Luna Martinicorena, subdirectora de igualdade LGBTI+ do Instituto Navarro de Igualdade, intervirá en formato en liña para dar a coñecer a Rede de Municipios Libres de LGTBIfobia de Navarra, unha iniciativa centrada na acción local fronte ás discriminacións por diversidade sexual e de xénero.
Desde Ortegal, Lucía Canoura presentará a experiencia De Faro a Faro, un exemplo de cooperación intermunicipal que pon en valor o traballo compartido entre territorios, mentres que Marta Piñeiro achegará a experiencia do Comité de Ética en Intervención Social do Consorcio das Mariñas, que exemplifica as posibilidades do traballo en rede tamén no ámbito dos servizos sociais.
O encontro incluirá ademais dinámicas participativas orientadas a favorecer o coñecemento entre as persoas participantes e a recoller propostas concretas que contribúan ao deseño da futura rede provincial.
A actividade está deseñada e facilitada polos equipos de Rexenerando S. Coop. Galega e Arabías S. Coop., que acompañan a Deputación da Coruña neste proceso de impulso e fortalecemento das políticas de igualdade no territorio.
As inscricións están xa abertas a través do formulario en liña.



