A Asociación Boirense de Empresas (ABE) únese á Rede Ultreia para reforzar o ecosistema emprendedor desde o territorio

08 Abril 2026

Mellorar a coordinación e o impacto das políticas de apoio ao emprendemento no conxunto do territorio é o obxectivo da adhesión da Asociación Boirense de Empresas (ABE) coa Rede Galega do Ecosistema de Emprendemento (Rede Ultreia).

Con esta unión, ABE pasa a formar parte dun espazo estábel de colaboración que integra administracións, universidades, entidades empresariais e outros axentes clave, coa finalidade de facer máis eficaces e accesíbeis os recursos dispoñíbeis para as persoas emprendedoras.

Desde a entidade poñen en valor o carácter estratéxico desta rede, especialmente polo seu enfoque territorial e pola capacidade de conectar iniciativas xa existentes. “Formar parte da Rede Ultreia permítenos estar onde se están definindo as políticas de apoio ao emprendemento en Galicia, pero tamén garantir que esas oportunidades cheguen ao noso tecido empresarial”, sinala o xerente da ABE, Tomás Estévez.

Sinalar que a Rede Ultreia nace coa vocación de construír un sistema máis coordinado, accesíbel e eficiente, baseado en tres eixos clave: sostibilidade, dixitalización e innovación social. Neste contexto, a ABE reforza o seu papel como axente facilitador, ampliando o seu servizo de asesoramento a persoas emprendedoras cunha maior conexión a redes, coñecemento e oportunidades.

“Moitas veces o problema non é a falta de recursos, senón a falta de conexión entre eles. Esta rede vai permitir ordenar mellor o ecosistema, evitar duplicidades e, sobre todo, facilitar o camiño a quen decide emprender”, engade Estévez.

Cómpre dicir que entre as metas que quere acadar a rede salientan: o impulso dun emprendemento sostíbel e arraigado ao territorio, a mellora do acceso a financiamento e asesoramento, a promoción da innovación e da competitividade, así como a consolidación dun modelo de gobernanza colaborativa entre os distintos axentes implicados.

Para rematar, subliñar que a participación da ABE permitirá, ademais, formar parte dun futuro Comité Asesor encargado de definir as liñas estratéxicas da rede, contribuíndo a trasladar as necesidades e particularidades do tecido empresarial de Boiro ao eido autonómico.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.