A AECC Coruña presenta a Rede de Concellos Contra o Cancro, co apoio da Deputación

23 Abril 2026

A Asociación Española Contra o Cancro na provincia da Coruña presentou este xoves 23 de abril a Rede de Concellos Contra o Cancro (RCCC), unha iniciativa orientada a reforzar a acción fronte á enfermidade desde o ámbito local, con especial atención ás contornas rurais e semiurbanas.

O acto, celebrado no Espazo Avenida Abanca, contou coa participación do presidente da Xunta Provincial da Asociación Española Contra o Cancro na Coruña, Javier Álvarez Barbeito, e do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, xunto a 33 alcaldes e alcaldesas e representantes de distintos concellos da provincia – A Coruña, A Laracha, Abegondo, Ames, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Boiro, Cabana de Bergantiños, Carballo, Carral, Cedeira, Cee, Coristanco, Culleredo, Curtis, Ferrol, Fisterra, Irixoa, Mañón, Mugardos, Muxía, Oleiros, Paderne, Ponteceso, Pontedeume, Rianxo, Ribeira, Val do Dubra, Valdoviño, Vilasantar e Vimianzo.-, ademais doutros representantes institucionais e persoas voluntarias das diferentes Xuntas Locais da Asociación en toda a provincia.

A Rede de Concellos Contra o Cancro nace co “obxectivo de crear unha estrutura de coordinación entre os concellos e a Asociación, co apoio da Deputación da Coruña, para facilitar o desenvolvemento de accións de prevención e o reforzo do apoio a pacientes e ás súas familias”. Ademais, contempla tamén a promoción de hábitos de vida saudábeis e a participación da cidadanía e do voluntariado en iniciativas comunitarias de saúde.

Segundo informou a AECC Coruña, o proxecto ofrece aos concellos “un marco de traballo que permite ordenar, impulsar e ampliar as iniciativas que xa se están a desenvolver ou que se poidan impulsar en distintos municipios, adaptándoas á realidade de cada territorio e mellorando o acceso aos programas da Asociación”.

Durante a súa intervención, Javier Álvarez Barbeito sinalou a importancia de seguir avanzando no traballo dentro do territorio para chegar a máis persoas, apoiándose na rede de voluntariado e no papel dos concellos como axentes clave pola súa proximidade á cidadanía: “O proxecto Rede de Concellos Contra o Cancro constitúe un novo paso no camiño que temos que recorrer para que as oportunidades dos pacientes sexan as mesmas, independentemente de onde residan. De aí que o apoio da Deputación da Coruña e dos concellos da provincia sexa decisivo”.

Pola súa banda, Valentín González Formoso destacou o papel fundamental da Asociación Española Contra o Cancro na provincia e subliñou que a iniciativa representa “unha gran rede de coidado, compromiso e esperanza, construída da man da Asociación Española Contra o Cancro e coa implicación activa dos concellos da provincia.”

Na actualidade, o cancro continúa sendo un dos principais problemas sociosanitarios na provincia da Coruña. Só en 2024 diagnosticáronse 7.959 novos casos, e a prevalencia a tres anos supera as 16.000 persoas, cun impacto significativo tamén na súa contorna familiar e social.

A presentación da Rede de Concellos Contra o Cancro celebrouse no marco do encontro anual da Asociación coas súas Xuntas Locais, unha xornada de traballo que reúne a gran parte do voluntariado de toda a provincia para compartir liñas de actuación e reforzar o traballo no territorio. Durante a xornada, tamén se fixo entrega de diplomas conmemorativos a distintas Xuntas Locais en recoñecemento á súa traxectoria, destacando o 50 aniversario da Xunta Local de Santiago, así como os 30 anos de actividade das Xuntas Locais de Aranga, Cabana de Bergantiños e Coristanco.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...