A formación UCIN Galicia denunciou o estado de abandono de varios bens patrimoniais de relevancia na comunidade, entre eles o Castelo da Rocha Forte, en Santiago de Compostela, unha das fortalezas máis destacadas da Galicia medieval.
O coordinador da organización, José Luis Calo, criticou que, malia os investimentos públicos realizados nos últimos anos para a recuperación e escavación destes espazos, moitos deles carecen posteriormente dun mantemento adecuado e dunha conservación continuada, o que deriva nun progresivo deterioro das estruturas e do seu contorno.

“Resulta incomprensible que se destinen fondos públicos á recuperación de enclaves históricos para despois deixalos practicamente abandonados, sen un plan real de mantemento, vixilancia ou posta en valor”, sinalou.
Desde UCIN Galicia consideran que esta situación supón non só un desperdicio de recursos públicos, senón tamén unha perda significativa para o patrimonio cultural galego, ademais de desaproveitar o seu potencial cultural, educativo e turístico.
O Castelo da Rocha Forte, destruído durante a Revolta Irmandiña no século XV, foi obxecto de diversas intervencións arqueolóxicas nas últimas décadas. Porén, segundo a formación, as estruturas descubertas e o seu contorno non contan co nivel de coidado e conservación que require un Ben de Interese Cultural.
Ante esta situación, UCIN Galicia anunciou o inicio dunha campaña de denuncia e sensibilización en toda a comunidade para esixir ás administracións públicas medidas concretas que garantan a protección e o mantemento do patrimonio histórico.
A formación reclama a posta en marcha dun plan autonómico de conservación permanente para os Bens de Interese Cultural, que inclúa tarefas periódicas de mantemento, mellora da sinalización, promoción cultural e medidas efectivas de protección.
“Galicia posúe un dos patrimonios históricos máis ricos de Europa e non podemos permitir que espazos únicos acaben deteriorándose por falta de xestión”, concluíu José Luis Calo.



