UCIN Boiro esixe medidas urxentes de seguridade na AC-305 do centro urbano

16 Marzo 2026


A agrupación UCIN Boiro, baixo a coordinación de Miguel Piqueras, solicitou á Xunta de Galicia a adopción inmediata de medidas de seguridade na AC-305 ao seu paso polo centro urbano de Boiro, despois de “que en tan só unha semana foran rexistrados dous atropelos en pasos de peóns”, sinalan, engadindo que isto “isto xerou unha crecente preocupación entre veciños e familias do municipio”.

Máis polo miúdo, UCIN di no comunicado que “nos últimos días, esta vía urbana foi escenario de dous atropelos, primeiro o dunha nena e posteriormente o dun mozo de 14 anos, ambos en pasos de peóns. Estes feitos poñen de manifesto a urxencia de actuar para mellorar a seguridade viaria neste tramo, especialmente tendo en conta que nas inmediacións existe un parque infantil ao que acoden diariamente numerosos nenos e familias”.

Ante esta situación, UCIN Boiro considera necesario adoptar medidas inmediatas que “garantan a seguridade de peóns e condutores, evitando que se repitan incidentes graves nunha zona moi transitada do municipio”.

Entre as actuacións solicitadas atópanse a instalación de cámaras de seguridade nos pasos de peóns máis conflitivos, a colocación de sinais verticais luminosos para mellorar a visibilidade, a implantación de pasos de peóns elevados que cumpran a normativa vixente, así como o pintado urxente dos pasos de peóns. Así mesmo, a agrupación solicita a instalación dun semáforo con premedor nos puntos de maior tránsito peonil, ademais da redución da velocidade no tramo urbano da AC-305, acompañada de medidas de acougado de tráfico, reforzo da sinalización e revisión do firme e do pavimento.

O grupo lembra tamén que “hai apenas unha semana UCIN Boiro xa solicitara medidas de seguridade no tramo de Ponte Beluso da AC-305, demostrando o compromiso da agrupación coa mellora da seguridade viaria e a protección dos veciños nos puntos máis sensíbeis do municipio”.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.