The Rapants presenta Rapants Club, unha ducia de himnos dedicados ao seu público

04 Marzo 2026
A banda muradá nunha imaxe de Andrea Sánchez

“Jrasias por confiar”. Así arranca o cuarto LP de The Rapants, titulado Rapants Club, un álbum no que os muradáns queren agradecer ao seu público a súa compañía nestes anos. Variedade estilística, guitarras frenéticas, sintetizadores e retrousos pegadizos desde a primeira escoita son os principais ingredientes dun traballo co que The Rapants quixo dar un paso adiante.

Rapants Club -xa dispoñíbel nas plataformas dixitais– é nas súas palabras “o álbum máis fiel ao noso carácter e gustos”. Son unha ducia de temas “chamados a ser novos himnos para toda unha xeración”, engaden, salientando as influencias dos 70 aos 2000, do disco ao rock pasando polo indie.

Todo iso e máis está presente en Jrasias Por Confiar, Tranquila, Todo Era Veneno, Máis Bicos Que Rosas, Suave, Por que son así, Ancoradoiro, Sin Medo, 22, Vai Ser Ijual (con versos épicos como quero jastarme máis contijo que na AP9ou que a morte nos pille nun pogo a punto de romper”) ou a xas coñecidas Viaxei e Non Sei Como. Todas forman parte dun conxunto de doce cancións bonitas e atemporais nas que a lírica rapante segue a destacar por afiada, certeira e próxima ao seu público. 

Para este cuarto LP, The Rapants contou coa experiencia na produción dunha tríade de profesionais que axudaron a acadar o álbum máis rapante dos publicados até o momento. Anxo Ferreira (ex Novedades Carminha), Raúl Pérez (La Mina) e Miguel León (Boavista) deron pé á modernización do son da banda, animándoa a xogar e explorar no seu proceso creativo: Rapants Club é un recompilatorio musical e visual que mostra o xeito de entender a vida dos seus membros, con músicas de todos os estilos e enerxías, pero sempre desde a emoción máis sinceira. 

Desta volta, ademais, The Rapants con tres colaboracións. Alén da xa coñecida incursión, por vez primeira no galego, de Joe Crepúsculo -no tema Non Sei Como, o primeiro sinxelo do disco-, Antía Ameixeiras (Caamaño&Ameixeiras) e Sara Faro (Fillas de Cassandra) suman as súas voces a Por que son asi. 

A grande inauguración do Rapants Club terá lugar o sábado 28 de marzo no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela. Será unha gran festa para a música galega, logo de que os rapantes ampliaran a capacidade de asistencia: xa van máis de 5.200 entradas despachadas para a ocasión, na que se poderán escoitar por vez primeira ao vivo todos os temas do novo disco e, por suposto, celebrar algún dos grandes éxitos da traxectoria da banda. Os últimos billetes para acceder á apertura do Rapants Club están dispoñibles en www.ataquilla.com

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.