
A organización do Premio Despunte compartiu o palmarés da nova edición, no que se recoñeceu o talento dunha nova artista de Rianxo. Así, o Premio Despunte ao Mellor Proxecto Final do Ciclo Formativo de Grao Superior de Xoiaría Artística, dotado con 500€ e patrocinado por Ourives de Compostela recaeu en Sandra Marcuño Riveiro, de Taragoña, Rianxo, por Isomorfías.
Pola súa banda, Lidia García foi merecedora do Premio ao Mellor Traballo Fin de Estudos do Grao en Deseño de Moda, dotado con 1.500€ pola súa colecciónEsmorecen. Este galardón patrocinado por Euro Prosem foi entregado por Sara Vázquez, socia, directora executiva (CEO), creativa e de tendencias de Euro Prosem; e Eugenia Pérez, directora xeral de Ensinanzas Artísticas.
Na XVI Gala Despunte celebrada este xoves 5 de marzo no Museo Centro Gaiás (Cidade da Cultura) tamén se recoñeceu o traballo de Israel Rúa que recibiu o Premio Miscelánea á Mellor Colección de Moda de 3º curso, dotado con 500€ e patrocinado por Digipress (foi entregado por Inés de Sáa, directora de Digipress) pola colección Lo que deja el silencio.
Pola súa banda, Ainhoa Iglesias Brea, recibiu o Premio Fusión Artesanía e Moda, á Mellor Colección que fusiona a Artesanía na Moda, dotado con 1.500€ e patrocinado por Artesanía de Galicia por De perna mala non se olvida. Elena Fabeiro, xerente da Fundación Artesanía de Galicia entregou o galardón.
O xurado de moda estivo formado por Sara Vázquez (socia, CEO e responsábel de Tendencias e Dirección Creativa de EURO PROSEM e ex alumna), Gloria López Santomé (deseñadora de moda en Pull&Bear e ex alumna), Patricia G. Lema (coñecida como Donkey Cool, xornalista freelance de moda, tendencias e viaxes de La Voz de Galicia e Voces de A Coruña) e Laura Villar, gañadora da anterior edición de Despunte.
En total, puideron verse 136 estilismos repartidos en 33 coleccións. 8 das deseñadoras e deseñadores egresados da última promoción do Grao en Deseño de Moda (na categoría de Despunte); 25 realizadas por estudantes de último curso (Miscelánea) e este ano, como novidade, tamén desfilou unha colección convidada dunha das escolas Erasmus socias, a Academy of Fine Arts of Macerata (Italia). A da deseñadora Alice Vitali, titulada Flay.
Escaparate e galardóns de xoiería, deseño de produto, escultura e foto
O desfile das coleccións de moda do alumnado da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo (EASDMM) é o gran protagonista dun evento xa consolidado no panorama galego, pero tamén é o marco no que se entregan os galardóns a tódalas disciplinas impartidas no centro. Para darlle mais visibilidade ao resto de disciplinas e xerar un diálogo coa sociedade santiaguesa, dende o pasado 26 de febreiro e até o día 15 de marzo, a Mostra Despunte expón os cinco mellores proxectos finais das Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño de Produto e das Ensinanzas Artísticas Profesionais de Fotografía, Técnicas Escultóricas e Xoiaría Artística, servindo de escaparate ininterrompido aberto ao público xeral na Fundación Eugenio Granell.
O Premio A Lingua: Arte da túa Terra 2026, dotado con 200€, patrocinado por: Galteo (Equipo de Dinamización da Lingua Galega da EASD Mestre Mateo) foi entregado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega (representado por Rosa Figueroa, Teresa Cebeiro e Leo Vázquez). Os premiados foron Carla Bernárdez Méndes, do Ciclo Formativo de Grao Superior en Fotografía; Diego Ares Liñares, do Ciclo Formativo de Grao Superior en Técnicas Escultóricas e Laura Sabel Rivas, do Grao en Ensinanzas Artísticas Superiores en Deseño de Produto.
O Premio de Deseño Circular 2026, ao Mellor Proxecto realizado con pneumático reciclado, dotado con 500€, patrocinado por Signus Ecovalor (entregado por Fernando Coucheiro, de Urbaser, en representación de Signus Ecovalor) recaeu en Anxo Pita.
O Premio Despunte, ao Mellor Proxecto Final do Ciclo Formativo de Grao Superior de Fotografía, dotado con 500€ e patrocinado por González Almacén recaeu en Mateo Jáuregui Pérez, por Raíces. Foi entregado por Pablo González, xerente de González Almacén; e Juan Adrio, director da EASD Mestre Mateo.
O Premio Despunte, ao Mellor Proxecto Final do Ciclo Formativo de Grao Superior de Técnicas Escultóricas, dotado con 500€ e patrocinado por PaudePedra foi para César Loza García, por Reprodución do busto do emperador Aulio Vitelio. María Nova, de PaudePedra; e Juan Adrio, director da EASD Mestre Mateo entregaron o galardón.
O Premio Despunte, ao Mellor Proxecto Final do Ciclo Formativo de Grao Superior de Xoiaría Artística, dotado con 500€ e patrocinado por Ourives de Compostela recaeu en Sandra Marcuño Riveiro, por Isomorfías. Enrique Fink, Presidente de Ourives de Compostela, e Juan Adrio, director da EASD Mestre Mateo entregaron o premio.
Ana Picos Martínez recibiu o Premio Despunte, ao Mellor Traballo Fin de Estudos do Grao en Deseño de Produto, dotado con 1.500€ e patrocinado por Signus Ecovalor por Amano. O premio entregárono Fernando Coucheiro, de Urbaser, en representación de Signus Ecovalor; e Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela.
Sinerxías co sector profesional e institucións colaboradoras
A gala, conducida por Rocío R. Padín, reuniu a 700 persoas na Cidade da Cultura e emitiuse por streaming a través da canle de YouTube da escola para todos aqueles que non conseguiran un dos solicitadísimos convites.
Durante a mañá do xoves, o evento serviu como punto de encontro para xornadas de recrutamento de talento por parte de destacadas marcas do sector téxtil como Bimba y Lola, Adolfo Domínguez, Textil Lonia, El Pulpo, Pull&Bear e Zara, consolidando o vencello entre as ensinanzas artísticas e o mundo profesional.
A organización desta edición é posíbel grazas ao apoio de diversas entidades e profesionais colaboradores, entre os que destacan a Consellería de Educación; a Fundación Cidade da Cultura (pola cesión do espazo para a gala); a Fundación Eugenio Granell (que cede o espazo para a exposición); e o IES Lamas de Abade, CS Estilismo y dirección de peiteado e CM estetica en beleza (que se encargou do peiteado e maquillaxe das modelos e da presentadora); as modelos; Laura Villar (responsable do estilismo da presentadora); a Comunidade educativa da EASDMM que se envorca no evento; o Alumnado Fotografía (que fai a reportaxe gráfica); o Alumnado 1o e 2o Moda que se converte no persoal de apoio (staff) en tarefas esenciais de
loxística, backstage e acomodación (seating) e Alumnado do CFGS de Técnicas Escultóricas, que elaborou os trofeos dos Premios Despunte, que é unha das novidades deste ano.
Visibilizar o traballo do alumnado é un dos grandes obxectivos desta cita xa consolidada no calendario galego e que xa vai pola súa XVI edición. A presente edición destacou tamén pola súa marcada proxección internacional. A gala coincide coa celebración dunha staff week de Erasmus, que trae á EASD Mestre Mateo a 3 docentes da Centar de Mostar (Bosnia), a través do Consorcio de Artes e 4 docentes da Ongulasma Enstituleri de Izmir (Esmirna, Turquía), a través do CAFI.



