O pleno do Concello de Rois aprobou por unanimidade na sesión ordinaria celebrada o pasado venres a adhesión ao convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a consolidación do sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, unha medida destinada a reforzar a prevención de incendios forestais.
O acordo permitirá renovar o convenio que o municipio xa tiña subscrito coa administración autonómica e que se desenvolve a través da Consellería do Medio Rural e da empresa pública Servizos Agrarios Galegos (Seaga). O obxectivo é manter limpas de maleza as faixas secundarias próximas ás vivendas e infraestruturas para reducir o risco de lumes forestais.

Na mesma sesión plenaria, celebrada o día 13, a corporación tamén aprobou por unanimidade solicitar á Consellería de Educación da Xunta de Galicia a desafectación do uso educativo das antigas escolas unitarias de Sorribas e da Peruca para poder destinalas a outros usos.
A petición foi formulada tras unha pregunta do grupo socialista. O alcalde de Rois, Ramón Tojo, explicou que estas instalacións xa están a ser utilizadas pola veciñanza, polo que este trámite administrativo permitirá no futuro desenvolver nelas actividades distintas ás educativas.
Durante a sesión tamén se deu conta do decreto da alcaldía polo que se aproba a liquidación do orzamento municipal correspondente ao exercicio 2024.
No apartado de rogos e preguntas, o grupo socialista interesouse pola situación do servizo de recollida de lixo e pola débeda coa Mancomunidade Serra do Barbanza. O rexedor indicou que o Concello presentou recurso contra a última subida de taxas proposta pola entidade supramunicipal.
Respecto á xestión futura dos residuos, Ramón Tojo sinalou que o Concello está a negociar a posible sinatura dun convenio coa empresa pública Sogama para o tratamento do lixo municipal.



