
Este sábado o Goberno de Rianxo celebrou os 1.000 días de mandato de Julián Bustelo e o seu equipo, facendo balance de fitos en varias frontes de traballo. Así, coincidindo con esta celebración ante os medios de comunicación, cada un dos integrantes do Goberno fixo unha valoración do traballo feito dende cada un dos departamentos neste tempo, unha valoración que se prolongará ao longo destes días. Na cita cos medios o alcalde Julián Bustelo avanzou algúns detalles da estratexia Rianxo 2030, “unha reafirmación do noso compromiso con todos os veciños e veciñas e un horizonte de cara o que seguir impulsando proxectos nos que vimos traballando intensamente e que están chamados a transformar o noso pobo”. Xa facendo balance, o rexedor lembrou que foron investidos nestes 1.000 días máis de 3 millóns de euros en melloras nas aldeas e impulsáronse os servizos sociais co desbloqueo do centro de día e a futura residencia dos maiores.
No ámbito do comercio e da promoción económica neste tempo puxéronse en marcha dúas liñas de axudas, unha para apoiar a actividade das asociacións de comerciantes e outra para promover a apertura de novos negocios. Tamén foi creada unha liña para apoiar a actividade da Confraría de Pescadores Virxe do Carme, explicou o rexedor, engadindo que “en materia de urbanismo seguimos traballando en torno ao PXOM coa expectativa de telo aprobado definitivamente antes do remate da lexislatura”. Sinalou que neste punto os retos que ten o Goberno por diante don: “Dotarnos de novo solo industrial, impulsar o proxecto de transformación da fachada litoral e acadar a rexeneración da zona de Tanxil”.
O concelleiro de Obras, Servizos Básicos e Medio Ambiente, José Alberto Angueira, tamén fixo balance dos 1.000 días de goberno. Salientou os avances relevantes o en eficiencia enerxética co cambio de luminarias nos campos de fútbol e no paseo marítimo, onde “xa foi executada a primeira fase e axiña abordaranse as dúas restantes”. Tamén destacou unha subvención por importe de máis de medio millón de euros para renovar as luminarias de toda a vila de Rianxo, unha actuación que será licitada en poucas semanas. Engadiu que “con estes cambios e outros previstos, xunto cun exhaustivo control da facturación, conseguiremos reducir á metade o gasto en enerxía eléctrica ou o que é o mesmo, aforraremos uns 400.000 euros ao ano”.
E apuntou: “Temos en marcha a renovación do servizo de recollida do lixo, algo que esperamos acadar antes do remate da lexislatura. Unha renovación que contempla a substitución da totalidade dos colectores e a promoción da compostaxe”.
Amais, destacou o traballo despregado na renovación de beirarrúas (particularmente na zona da Martela), a renovación e mantemento das zonas de ocio infantil e “a mellora dos principais puntos de interese do noso municipio”, un ámbito onde se encadra a vindeira renovación do firme do paseo marítimo (nos vindeiros meses).



