Outes sela un acordo histórico para garantir o futuro do río Tins

27 Marzo 2026

Outes deu un paso decisivo na protección do seu patrimonio natural coa sinatura dun acordo de custodia fluvial que marca un antes e un despois no coidado do río Tins. O acto, celebrado esta tarde no Auditorio Municipal da Casa da Cultura, puxo o broche final ao proxecto Renatur_Outes e abriu unha nova etapa centrada na conservación a longo prazo do ecosistema.

A xornada reuniu a representantes institucionais, persoal técnico, comunidade científica e veciñanza, destacando o carácter colaborativo dun proxecto que, durante tres anos, converteu o río nun eixo de transformación ambiental e social. No acto participaron o alcalde, Francisco Calo; a directora da Fundación CEER, Inês Gusman; e o director da Fundación Montescola, Joám Evans, xunto a representantes da Fundación Biodiversidad e investigadores das universidades galegas.

O momento central chegou coa formalización do acordo entre a Fundación CEER, o Concello de Outes e a Fundación Montescola. Este compromiso pioneiro establece un marco de colaboración para garantir a conservación, restauración, seguimento e posta en valor do río Tins, reforzando a coordinación entre entidades e a implicación cidadá.

O acordo inclúe liñas de actuación centradas na protección do ecosistema, na continuidade das actividades educativas —especialmente dirixidas á infancia— e na dinamización da participación social. Ademais, consolida o compromiso coa “Declaración de Dereitos do río Tins”, un fito que converteu este curso fluvial no primeiro de España con dereitos recoñecidos.

Durante a súa intervención, Inês Gusman destacou que “este acordo conecta coñecemento, territorio e comunidade para garantir que o río siga sendo un espazo vivo no tempo”, subliñando que se trata dun punto de continuidade máis que de peche.

A xornada completouse con actividades no propio entorno fluvial, incluíndo un roteiro interpretativo pola ribeira e a inauguración de novos paneis divulgativos. Tamén se puxo en marcha un bosque comestible, unha iniciativa promovida pola veciñanza que combina a recuperación ecolóxica co uso social do espazo mediante a plantación de especies autóctonas.

O proxecto Renatur_Outes permitiu restaurar máis de 20.000 metros cadrados de áreas verdes, recuperar dous quilómetros de cauce e mellorar a conectividade ecolóxica do río. Ademais, elimináronse especies invasoras, reforzouse o bosque de ribeira e creáronse novas illas de biodiversidade, contribuíndo a un entorno máis equilibrado e integrado no municipio.

A implicación cidadá foi clave ao longo de todo o proceso, con centos de persoas participando en actividades de voluntariado e accións colectivas. A dimensión educativa tamén xogou un papel fundamental, promovendo entre a infancia o coñecemento e respecto polo medio natural.

Coa sinatura deste acordo, o río Tins consolídase como referente en Galicia dun modelo de restauración ambiental baseado na cooperación entre administración, comunidade científica e sociedade. Un exemplo que, lonxe de rematar, continúa avanzando cara a un futuro máis sostible.

Outros artigos

O PSOE de Ribeira acusa ao Executivo local de “falta de propostas”

O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, "segue sen ofrecer solucións á fronte da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.