Os mariscadores da Confraría de Pescadores de Noia e da agrupación de marisqueo a pé recolleron este mércores preto de 12 toneladas de bivalvos mortos na ría de Muros e Noia, nunha nova xornada marcada pola elevada mortaldade provocada polas borrascas deste inverno.
Segundo indicaron fontes do sector, a mortaldade alcanza arredor do 90 % no berberecho e do 60 % na ameixa xapónica, mentres que a ameixa babosa chegou a sufrir perdas de ata o 95 %.
Trátase da segunda actuación deste tipo en poucos días, despois de que o pasado 10 de marzo se retirasen outras 17 toneladas de cunchas. As tarefas realizáronse coincidindo coas mareas vivas, co obxectivo de limpar o substrato e deixalo en condicións para a recuperación dos bancos marisqueiros.
Preto de 90 persoas —na súa maioría mulleres— participaron na recollida durante unhas tres horas, retirando manualmente as cunchas e depositándoas en capachos que posteriormente eran trasladados en tractores.
O patrón maior, Santiago Cruz, cualificou a situación de “mortaldade tremenda” e advertiu de que a campaña prevista para marzo xa non poderá levarse a cabo. “Tiñamos os bancos repletos de cría de berberecho e ameixa xapónica e babosa, pero a situación é crítica”, explicou.
Neste momento, os traballos céntranse en acondicionar o substrato para favorecer a fixación da larva e a creación de nova semente, un proceso que dependerá da desova da primavera e das condicións ambientais, como o vento ou a presenza de fitoplancto.

Unha campaña xa comprometida
Desde o sector advirten de que a próxima campaña xa está seriamente afectada. Segundo estimacións do propio patrón maior, as perdas poderían situarse entre os 8 e os 10 millóns de euros.
Pola súa banda, o presidente da agrupación de marisqueo a pé, Francisco Pérez, explicou que a retirada se limitou á capa superficial para evitar danar posibles exemplares vivos.
Pérez indicou tamén que parte das cunchas retiradas proceden doutras zonas da ría, arrastradas polas correntes, e destacou que a ameixa fina foi a menos afectada debido á súa maior capacidade para enterrarse e resistir cambios de salinidade.
Impacto das borrascas
A elevada mortaldade rexistrada en Noia e noutras rías galegas está directamente relacionada co descenso da salinidade da auga tras unha sucesión de borrascas que deixaron intensas precipitacións durante o inverno.
Este fenómeno afecta especialmente ás zonas intermareais, onde traballan os mariscadores a pé, máis expostas ás achegas de auga doce procedentes dos ríos e das escorrentías.
Desde a Consellería do Mar indicaron que continúan avaliando o impacto das borrascas nos bancos marisqueiros de Galicia e que, unha vez finalizada a análise nos vindeiros días, se porán en marcha as medidas necesarias para apoiar ao sector.




