O voluntariado do Tarugotón 2026 retirou máis de 23.000 paus de batea do noso litoral nunha hora de tempo

06 Marzo 2026

As entidades Limpiarousa, Surfrider España, Proxecto aMARte e ADEGA impulsaron ao longo da pasada fin de semana, do 27 de febreiro ao 1 de marzo, a II Recollida Simultánea de Paus de Batea nas Praias de Galiza (Tarugotóin 2026), nun esforzo conxunto por preservar as nosas costas e sensibilizar sobre a problemática da contaminación mariña.

Esta segunda edición do Tarugotón mobilizou máis de 600 persoas voluntarias ao longo do litoral galego, o dobre do que o ano pasado. Este voluntariado recolleu preto de 23.000 paus de batea, ademais doutro tipo de lixo acumulado nas praias tras os temporais das últimas semanas.

A iniciativa convidou a todas as persoas interesadas a asumir o reto de recoller o maior número posíbel de tarugos ou paus de batea nun tempo máximo dunha hora en calquera praia do país.

Dende ADEGA explican que “como xa acontecera na primeira edición, o obxectivo do Tarugotón non foi unicamente retirar estes residuos, senón tamén dar visibilidade á problemática ambiental que supón a presenza destes plásticos nas nosas costas e continuar abrindo canles de diálogo con todos os actores implicados (administracións, empresas e sector bateeiro) para procurar solucións a longo prazo”.

Con todo e malia o éxito de mobilización, indican que este ano “a sensación foi agridoce”. O alto nivel de concorrencia xerado polo Tarugotón supuxo “unha gran alegría polo volume de xente implicada, pero ao mesmo tempo, evidencia con máis claridade a dimensión do problema”, sinalan, engadindo que “isto é aplicábel non só aos paus de batea, que antigamente non eran de material plástico, senón tamén á gran cantidade doutros residuos plásticos presentes nos areais galegos, especialmente microplásticos, que poñen de manifesto as consecuencias do actual modelo de consumo baseado no usar e tirar”.

Con esta iniciativa, as entidades ecoloxistas queren dar aínda máis visibilidade á necesidade de impulsar cambios urxentes e procurar alternativas máis sustentables e respectuosas co medio ambiente.

Limpiarousa, Surfrider España, ADEGA e Proxecto aMARte, amosaron o seu agradecemento pola boa acollida desta acción de voluntariado ambiental, que cualifican de éxito. “A participación deste ano amósanos que imos polo bo camiño”, engadiron.

Na edición anterior, o #Tarugotón25 mobilizou arredor de 300 persoas en todo o litoral galego e permitiu retirar máis de 16.000 paus de batea en apenas tres días.

Estes elementos plásticos utilízanse no cultivo do mexillón e, cando se desprenden, rematan nas praias, onde supoñen un problema ambiental recorrente.

As entidades organizadoras agardan repetir e ampliar a participación este ano, e continuar abrindo diálogo con administracións e sector bateeiro para buscar solucións a longo prazo.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...