Os socialistas de Ribeira compartiron un comunicado relativo ao conflito da gasolineira de Xarás, declarada ilegal xudicialmente durante o mandato de Manuel Ruíz. No comunicado din que a alcaldesa María Sampedro “négase a aclarar o custe da posíbel indemnización da estación de servizo pechada” e, pola contra, apuntan, “leva ao pleno asuntos totalmente afastados dos problemas da veciñanza de Ribeira”.
O voceiro local do PSdeG, Fran Suárez-Puerta, engadiu que o último pleno municipal “volveu deixar en evidencia a falta de proxecto, a opacidade e a inacción do actual Goberno de Ribeira” e lembrou que “esta forma de actuar recorda á etapa de Manuel Ruiz, cando insistía en que todo estaba correcto e acabou perdendo todas e cada unha das veces que a licenza foi xudicializada”.
No comunicado os socialistas consideran “inaceptábel que, ante un posíbel custe millonario para as arcas municipais, a cidadanía siga sen coñecer nin unha cifra nin unha estimación seria”.
Noutra orde de cousas, o PSdG levou ao pleno a cuestión do lavadoiro da Pinisqueira anunciada hai uns días polo grupo. O PSdeG denunciou na moción que “no cartel da inauguración da remodelación do lavadoiro de Couso, na web municipal e nas publicacións difundidas arredor desta actuación non aparece de forma visíbel a identificación do financiamento europeo, malia que esa obriga figura expresamente na documentación asinada pola propia alcaldesa”. Para os socialistas, “non estamos ante un detalle menor nin estético, senón ante un incumprimento que pode comprometer a xustificación dos fondos e mesmo abrir a porta á súa devolución”. Suárez-Puerta criticou ao equipo de Goberno por non incluír a orixe dos ditos fondos na publicidade devandita, e afeou ao Executivo por, sinalou o representante socialista, “restar importancia ao sucedido”.
Tamén foi crítico co Goberno local por “ter levado só levou dous puntos á sesión: a resolución do contrato do SAF e a renovación dos representantes do consello escolar, feita con tanta présa que chegaron a nomear persoas xubiladas”, sinalou Suárez-Puerta, defendendo o apoio acadado pola súa proposta sobre Corrubedo para dotar a praia de Prado dun acceso en condicións para a veciñanza.





