O PSOE di que Ribeira corre o risco de pagar unha factura millonaria pola gasolineira de Xarás

27 Marzo 2026


O PSdeG de Ribeira levará ao próximo pleno dúas preguntas sobre dous asuntos que, segundo fai saber o responsábel local da agrupación, Francisco Suárez-Puerta, “poden ter consecuencias moi graves para o municipio”. A primeira refírese ao caso da gasolineira low cost de Xarás e ao posíbel custo económico que pode acabar recaendo sobre as arcas municipais. “A segunda”, indica o voceiro, “céntrase no risco de comprometer a correcta xustificación dos 2 millóns de euros do Plan de Sostibilidade Turística por incumprir as obrigas de visibilidade da financiación europea”.

No caso da gasolineira, os socialistas poñen o foco na principal cuestión: o custe para as arcas municipais. Despois de que o Concello autorizase a instalación dúas veces e de que os tribunais anulasen tamén dúas veces esas licenzas, o PSdeG pregunta se o Goberno local “ten feita unha estimación económica seria, actualizada e completa da posíbel indemnización, cal sería a contía e como pensa afrontala”. Para os socialistas, “o problema xa non é só xurídico, é tamén económico e social, porque esa posíbel factura pode ser millonaria e acabar condicionando investimentos importantes para Ribeira coma o futuro polígono industrial ou a EDIL de Bandourrio”. E engaden: “O que preguntamos é moi claro: canto pode pagar Ribeira por este desastre e de onde vai saír ese diñeiro. Porque ao final, cando un goberno actúa tan mal, quen acaba pagando é toda a cidadanía”.

A segunda pregunta refírese ao PSTD e ao lavadoiro da Penisqueira. O PSdeG denuncia que “no cartel da inauguración, na web municipal e nas publicacións difundidas arredor desta actuación non aparece de forma visíbel a identificación do financiamento europeo, malia que esa obriga figura expresamente na documentación asinada pola propia alcaldesa”. Para os socialistas, “non estamos ante un detalle menor nin estético, senón ante un incumprimento que pode comprometer a xustificación dos fondos e, no peor dos casos, abrir a porta á súa devolución”. O PSdeG cre que é “especialmente grave que o Goberno local estea presentando como propias actuacións que están financiadas con fondos europeos, ocultando o seu verdadeiro financiamento e asumindo un risco innecesario con recursos que son fundamentais para Ribeira”. Por iso levará ao pleno unha pregunta directa para que o executivo explique que medidas inmediatas vai adoptar para rectificar e evitar poñer en perigo eses 2 millóns de euros.

Suárez-Puerta advertiu finalmente que “o PP está xogando con millóns de euros que son de todos os veciños de Ribeira coma se non lles importasen nada. Xogaron co custo millonario da gasolineira e está xogando tamén con millóns de euros de fondos europeos que non son seus, senón de toda a veciñanza. Cando se actúa con esta irresponsabilidade, o que se pon en risco é o presente e o futuro de Ribeira”.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.