A unanimidade caracterizou o Pleno Ordinario de marzo en Lousame, que aprobou a supresión do prezo público e a derogación da ordenanza reguladora pola prestación dos servizos extraescolares para conciliación da vida laboral e familiar en Lousame. Unha medida que suporá a gratuidade do Lousame Concilia, un servizo de atención e coidado de menores no horario anterior ao inicio da xornada lectiva (en horario de 7:30 a 9:00 horas) e tamén durante os meses de xullo e agosto en horario matinal (de 9:00 a 14:00 horas).
Trátase dun servizo dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e que se desenvolve nas instalacións do CPI Cernadas de Castro. “É unha aposta por facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das familias de Lousame mediante a prestación dun servizo de atención e coidado dos menores en períodos que faciliten a conciliación entre os horarios laborais e persoais das familias cos períodos lectivos dos menores”, indica Esteban Ares, alcalde de Lousame. Un servizo que pode ser solicitado nos Servizos Sociais do Concello de Lousame, no 981 820 494 ou 689 126 385.

Matrona
Así mesmo, o Pleno aprobou unha moción conxunta para instar á Xunta de Galicia a cubrir o servizo de matrona a tempo completo no centro de saúde de Lousame. Unha moción presentada inicialmente polo grupo socialista e que foi emendada polo Grupo de Goberno antes de ser aprobada como moción conxunta dos tres grupos políticos municipais.
Nela explícase que a Matrona de Lousame só presta servizo presencial no centro lousamiá 1 vez por semana, os martes, mentres que o resto de días atende vía telefónica. A Corporación municipal considera que agora que o Concello de Lousame puxo en marcha un programa de fomento da natalidade e de promoción da lactancia materna, estes serían insuficientes sen este servizo básico de matrona.
No resto da sesión aprobáronse dous modificacións de crédito, cos seus correspondentes recoñecementos extraxudiciais de crédito. O primeiro deles, aprobado por unanimidade, foi de 92.900 euros para o pago da cota da Mancomunidade Serra do Barbanza do cuarto trimestre de 2025. O segundo deles, aprobado cos votos a favor de PP e PSOE e coa abstención do BNG, foi de 184.731 euros para o pago de facturas correspondentes a 2025 e que foron presentadas en 2026. Dúas modificacións con cargo ao Remanente de Tesourería para Gastos Xerais.



