Amicos, asociación inclusiva do Barbanza, presentou no Centro de Visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia os traballos de accesibilidade cognitiva realizados neste espazo natural, co obxectivo de facelo máis comprensíbel, accesíbel e integrador para todas as persoas.

A xornada deste xoves 26 de marzo, que forma parte da campaña de sensibilización polo Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo do 2 de abril, arrancou cunha benvida a cargo de Mariana, alumna do CEEPR Amicos, e de Nuria Fernández, responsábel do centro educativo da en tidade. Elas foron as encargadas de dar paso a un acto no que as propias persoas con TEA tiveron un papel protagonista.

Un dos momentos máis significativos foi a lectura do manifesto, realizada por Sonia, alumna do CEEPR de Amicos e por Alfonso Pérez, residente no Fogar Amicos, na que reivindicaron a importancia de avanzar cara a unha sociedade máis accesíbel, comprensíbel e inclusiva.
Logo, o equipo de validadores cognitivos de Amicos foi o encargado de presentar os traballos realizados nas Illas Atlánticas, centrados na adaptación das comunicacións do entorno a través de pictogramas e sinalización visual, ferramentas clave para facilitar a comprensión do espazo e favorecer a autonomía de todas as persoas.

O acto contou tamén coa intervención de José Antonio Fernández, director-conservador do Parque Nacional, que puxo en valor os traballos realizados na zona en materia de accesibilidade. Asemade, tamén destacou unha colaboración mutua que se estende dende hai varios anos no ámbito medioambiental e social, co apoio constante de Parques ás accións dos activistas de Amicos.
Pola súa banda, a directora xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintana, destacou a relevancia de iniciativas como esta para garantir a igualdade de oportunidades e o acceso universal aos recursos e ao patrimonio natural.
“A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, quere poñer en valor o traballo fundamental que entidades como Amicos desenvolven ao longo de todo o ano, especialmente na visibilización e apoio ás persoas con autismo. Nun contexto no que a sociedade avanza a gran velocidade, resulta crucial deter a mirada na realidade destas persoas e seguir impulsando medidas que garantan a súa inclusión plena”.
A xornada completouse cunha actividade participativa e lúdica, un xogo inclusivo tipo Pasapalabra, orientado a desmontar mitos sobre o autismo e fomentar a sensibilización entre as persoas asistentes.
Accesibilidade que transforma espazos e persoas
Amicos salientou que “os traballos presentados supoñen un paso adiante na adaptación cognitiva de espazos naturais de alto valor ambiental como o Parque Nacional das Illas Atlánticas, contribuíndo a que todas as persoas poidan comprender, interpretar e desfrutar destes entornos en igualdade de condicións”. Esta iniciativa enmárcase na campaña Rede que inclúe, coa que Amicos busca implicar ao conxunto da sociedade, formada por administracións, empresas e cidadanía, na construción dunha contorna máis inclusiva e respectuosa coa diversidade.



